“Conectad@s”: o rexistro voluntario de persoas que viven soas en Ames
Sobre esta iniciativa e outros programas dirixidos ás persoas maiores e persoas que viven soas, tratou a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que impartiu o traballador social, Jesús A. Tato, e na que tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, presentou este mércores, 13 de febreiro, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, o programa “Conectad@s”. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo Concello, a través do cal se vai a elaborar un rexistro voluntario para persoas que viven soas.
Sobre esta iniciativa e outros programas dirixidos ás persoas maiores e persoas que viven soas, tratou a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que impartiu o traballador social, Jesús A. Tato, e na que tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo.
O técnico municipal Jesús A. Tato, traballador social, impartiu este mércores, 13 de febreiro, unha charla, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, sobre os recursos que pode ofrecer o Concello de Ames para persoas que viven soas. Nesta actividade tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo. Moitas persoas achegáronse ata o local de Jupemi para asistir a esta charla.
Alí puideron coñecer máis a fondo diversos programas como o Servizo de Axuda no Fogar; Xantar na Casa; Teleasistencia domiciliaria; e Conectad@s.
Esta actividade serviu para presentar o programa Concetad@s. Trátase dun rexistro voluntario para persoas que viven soas que pon en marcha a Concellaría de Servizos Sociais. Esta iniciativa está cofinanciada pola Obra Social da Fundación La Caixa.
A través desta nova iniciativa municipal trátase de que os Servizos Sociais fagan un seguimento efectivo de todas aquelas persoas maiores e persoas que viven soas nos seus domicilios evitando ou previndo situacións de risco derivadas da vida en soidade como poden ser o illamento, detección rápida de problemas derivados de accidentes domésticos, enfermidades, etc.
O programa tamén contará con accións de carácter preventivo e intervención directa das situacións detectadas co obxectivo de paliar o sentimento de soidade nas persoas, contando con elas como axentes principais do seu cambio, recoñecendo as súas necesidades, os seus desexos e a súa capacidade para afrontalo.
A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destaca que “aínda que neste rexistro voluntario se pode apuntar calquera persoa que viva soa, con independencia da súa idade, está pensado sobre todo para aquelas persoas do noso Concello que xa teñen unha idade. Aínda que somos un Concello moi novo non podemos esquecer que tamén temos unha porcentaxe importante de persoas maiores de 65 anos. O envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Administración, temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os nosos maiores teñen que seguir aprendendo, ensinando e participando, e temos a obriga de facilitarlles os mecanismos necesarios para evitar o seu illamento e facilitar a súa implicación social”.
“Aínda que xa temos en marcha programas de envellecemento saudable como as actividades de Amessán, Sanauga, a axuda no fogar… existe a probabilidade de que se de situacións de soidade non desexada e de aí a necesidade de poñer en marcha este programa que lles proporcione ese contacto directo cos servizos do Concello”, indicou Luísa Feijóo.