Goretti Sanmartín reuniuse coa directiva da asociación "Monte do Gozo"
Estas estradas de San Lázaro resultan moi usadas como atallo para evitar os atascos habituais que se producen no periférico
A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión coa directiva da asociación ‘Monte do Gozo’ en que localizaron diversos puntos onde cómpre mellorar a seguranza viaria.
No encontro, ao que tamén asistiron os números 2 e 3 da candidatura, Navia Rivas e Lois Calvelo, ademais do concelleiro Rubén Cela, analizaron diversos temas do barrio de San Lázaro, entre eles a preocupación veciñal para incrementar a seguranza viaria.
Neste sentido, un dos puntos que requiren unha intervención é a ponte sobre a vía do tren, do mesmo xeito que meses anteriores se mellorou a que atravesa a autoestrada, como demandara o BNG. Trátase dunha ponte moi concorrida, sobre todo nos meses de alta afluencia de peregrinos, cunha superficie inestábel que entraña riscos.
O BNG fíxose eco tamén da necesidade de dotar dunha beirarrúa a estrada de Amio, que transcorre a carón da carballeira, co obxectivo de que as persoas teñan condicións básicas para poderen camiñar con tranquilidade sen temor a seren atropeladas neste tramo da vía.
Na Costa de San Marcos, na N-636 á altura do hotel, hai outro punto conflitivo para cruzar pois non hai paso de peóns nunha vía de tres carrís, xa que os vehículos descenden a alta velocidade e non hai visibilidade suficiente. Cómpre, polo tanto, é necesario adoptar medidas para crear un paso de peóns e advertir da súa presenza, mediante iluminación semafórica ou o a que estime o persoal técnico.
Tamén detectan zonas de perigo para a mobilidade na contorna do centro sociocultural de San Lázaro, na Muíña, onde se instalaron uns lombos para reducir a velocidade que non foron efectivos. Cómpre reforzar esta intervención cunha solución técnica adecuada para este emprazamento.
Para o BNG, é evidente que coa ampliación de novos usos comerciais dos polígonos de Costa Vella e da Sionlla, estas estradas de San Lázaro resultan moi usadas como atallo para evitar os atascos habituais que se producen no periférico nos últimos anos e isto reviste perigo para a veciñanza cando os vehículos van a moita velocidade.