Licitada a terceira fase da renovación de beirarrúas na avenida de Ferrol en Ribeira
Afecta a 212 metros da marxe dereita en dirección Xarás
Quince días despois de que rematasen os traballos dirixidos á substituír un tramo de 385 metros de beirarrúas da avenida de Ferrol, o Concello de Ribeira acaba de licitar xa a terceira fase para renovar as infraestruturas e mellorar a seguridade viaria dunha vía que reviste a condición de principal porta de entrada á cidade de Riveira.
A actuación ten un importe de 55.500 euros, IVE incluído, e a súa execución é froito do convenio asinado entre Deputación e Concello, no que se estableceu que a institución provincial financiará a intervención ata un máxime do 80% da obra.
O tramo, de 212 metros de lonxitude, sitúase na marxe dereita en dirección Xarás. A súa configuración actual, formada por baldosas hidráulicas, atópase bastante deteriorada e ademais carece dunha rede de pluviais que permita a recollida da auga de chuvia.
Rede de pluviais
Con tal motivo, o proxecto que se vai levar a cabo prevé a pavimentación con lousetas de formigón alternando cores branca e gris, así como a instalación dunha rede de pluviais formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro, incluíndo a instalación de arquetas sumidoiro, pozos de rexistro e acometidas de pluviais ás vivendas colindantes.
O prazo de execución da obra son dous meses e en canto ao período para presentar ofertas conclúe o 25 de febreiro.
Cómpre informar de que o Concello xa ten preparada unha cuarta fase para seguir renovando as beirarrúas da avenida de Ferrol. A primeira, que afectou a outros 100 metros liñais, executouse no inverno do ano 2016.