miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os socialistas de Trazo presentan unha denuncia contra o alcalde

Os socialistas de Trazo presentan unha denuncia contra o alcalde
Os socialistas de Trazo presentan unha denuncia contra o alcalde

A querela foi presentada hoxe en rolda de prensa por Beatriz Domínguez e Paula Castiñeiras, secretaria xeral e secretaria de organización da Agrupación Socialista de Trazo

A Agrupación Socialista de Trazo vén de presentar unha querela polos delitos de falsidade documental e administración desleal do patrimonio público (malversación) contra o alcalde do Concello de Trazo, Xosé Dafonte Varela, e a secretaria-interventora, María José Nartallo Penas. Unha denuncia que se suma ao procedemento xudicial aberto polo Xulgado de Ordes polos case 30.000 euros cobrados polo alcalde Xosé Dafonte en dietas sen xustificar e de xeito presuntamente irregular entre os anos 2014 e 2017.

A querela foi presentada hoxe en rolda de prensa por Beatriz Domínguez e Paula Castiñeiras, secretaria xeral e secretaria de organización da Agrupación Socialista de Trazo. Unha demanda que xurde “despois de que tiveramos acceso a unha documentación que ven a aportar serios indicios de que o expediente administrativo que figura en autos no Xulgado de Ordes foi creado e remitido ao xulgado nas datas nas que foi requirido, é dicir, en novembro de 2018 xa que non existe ningún expediente administrativo na data dos feitos, que é entre os anos 2014 e 2017”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.

Expediente falso para o Xulgado

Unha documentación que xa foi entregada polos socialistas de Trazo no Xulgado e que inclúe documentos de pago recortados e modificados, así como anotacións manuscritas sobre a elaboración do expediente para remitir ao xulgado, sobre a colocación dos selos e sobre os días nos que o alcalde estaba de vacacións e aínda así percibiu dietas. Beatriz Domínguez e Paula Castiñeiras amosaron o orixinais da documentación, nos que se aprecian con detalle os recortes e pegados de documentos para modificalos mediante fotocopias co obxecto de elaborar un expediente falso e inexistente previamente para aportar ao xulgado.

“Cando denunciamos este caso en xuño do ano pasado, dixemos que os pagos de dietas no Concello de Trazo se tiñan efectuado sen a súa necesaria fiscalización e sen ningún tipo de documentación acreditativa máis aló do que poñía o señor Dafonte nun papel. Agora comprobamos que para tentar xustificar o que non existe, non tiveron o máis mínimo remorso en elaborar un expediente falso e creado ad hoc para entregar no Xulgado para exculpar ao señor Dafonte”, lamenta Beatriz Domínguez.

Unha elaboración na que se cometeron erros flagrantes, como o caso dunha orde de pago de novembro de 2015 que leva un cuño da Alcaldía que non foi comprado polo Concello de Trazo ata o 2017. “Pode haber un documento de 2017 co cuño antigo de 2015, pero é imposible que no 2015 se cuñara unha documentación cun cuño que aínda non existía”, denuncia a secretaria xeral dos socialistas de Trazo, quen sinala que “tal e como se recolle nun dos documentos manuscritos que presentamos ante a xuíz, a partir de maio de 2017 tiña que terse empregado o cuño novo”. A diferenza entre ambos cuños reside fundamentalmente na coroa, que é diferente, e ademais na súa disposición xa que no de 2017 está pegada ao corpo do escudo municipal, mentres que anteriormente estaban separados.

Comentarios
Lo más