Unha publicación reúne os artigos que Isaac Díaz Pardo publicou nos xornais galegos entre os anos 1963 e 2009
Preséntaa hoxe mércores o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, na Fundación Torrente Ballester
O Consorcio de Santiago e Andavira Editora acaban de publicar O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, unha recompilación do filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga que reúne as colaboracións xornalísticas realizadas polo intelectual galeguista entre os anos 1963 e 2009, na súa maior parte en xornais galegos. Preséntase hoxe mércores na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. No acto estarán, xunto ao autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo, Juan Conde; e a directora de Andavira Editora, Lucila Ventoso.
Estes artigos publicáronse no xornal A Nosa Terra de Buenos Aires e nos galegos Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Correo Gallego e, fundamentalmente, en La Voz de Galicia. Están escritos na súa maioría en galego e están ordenados de maneira cronolóxica, o que permite ver “a evolución do autor en canto á visión de certos temas, como vai descartando outros e como leva aos seus límites a súa escritura e a visión do mundo” -sinala o autor-.