O Centro Empresarial do Tambre inaugurou o luns a exposición “Polígono” da artista compostelá Isabel Rey
Composta por dezanove pinturas en acrílico sobre táboa, a mostra poderase visitar ata o 1 de marzo
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurou o luns a exposición “Polígono” da artista compostelá Isabel Rey, que estará aberta ao público ata o vindeiro 1 de marzo. A exposición, composta por dezanove obras, mostra a beleza e a poesía que se agochan tralas naves industriais do Polígono do Tambre. A través do acrílico sobre táboa, a artista intenta dar protagonismo á luz e á cor, captando eses instantes nos que os farois e os postes da luz cobran importancia, “pois os seus cables debuxan esas liñas de trazo firme que cortan o ceo e reforzan a perspectiva”, explica a artista.
Isabel Rey resalta os lugares que normalmente pasan desapercibidos, lugares nos que non nos fixamos desde un punto de vista estético, xa que son centro de traballo e non de relaxación. “A mostra axudará a percibir dunha maneira diferente estes espazos do polígono, que sen dúbida teñen un encanto especial” –engade–.
Isabel Rey (Santiago de Compostela, 1973) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e diplomada na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra na especialidade de pintura. Desde 1993 traballa na pintura, fotografía, gravado, restauración de obras de arte e tamén realización de retratos, ornamentación e pergamiños, pinturas murais e trampantollo.