Ames realízalle unha recepción ao CEIP de Barouta
Este acto forma parte dunha serie de recepcións que o Concello de Ames realiza como recoñecemento a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos
O pasado xoves, 31 de xaneiro, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e da Corporación municipal realizáronlle unha recepción ao equipo do CEIP de Barouta, con motivo dos distintos premios acadados polo centro nos últimos meses. Este acto forma parte dunha serie de recepcións que o Concello de Ames realiza como recoñecemento a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.
O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu o pasado xoves unha recepción de recoñecemento á labor educativa desempeñada polo CEIP de Barouta, premiada con varios premios nos últimos meses. Durante o acto, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e varios membros do goberno municipal e dos grupos con representación da Corporación municipal recibiron ao director Alonso Caxade, a representantes do profesorado e da comunidade educativa do centro, e varias alumnas e alumnos.
Este evento encádrase dentro dunha serie de recepcións que o Concello está a celebrar con motivo dos numerosos logros acadados por veciñas e grupos municipais. No caso do CEIP de Barouta, a súa importante labor educativa cristalizou nos últimos meses nos premios acadados no V Concurso de Traballos por Proxectos, co proxecto Somos o que comemos, e no V Concurso Proxecta Innovación con Embaróuta-T: nó sostible.
O concelleiro de Educación, David Santomil, destaca “o excelente traballo que se está a realizar dende o CEIP de Barouta, que o converte tanto nun dos centros de referencia da comarca como a nivel galego”. Por este motivo, dálle os “parabéns, tanto ao equipo directivo como ao profesorado, pola labor que están a desempeñar, que se ve reforzada polos recoñecementos acadados”.