Un programa de emprego de COGAMI e Fundación Vodafone España logra a inserción de cen persoas
Denominado `INCLÚE + CAPACIDADE´ este programa ensina a como utilizar as novas tecnoloxías na busca de emprego
Un total de 101 persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción `INCLÚE + CAPACIDADE´, un proxecto que apoia a Fundación Vodafone España para potenciar o uso das TIC na inserción sociolaboral. Este proxecto utiliza as novas tecnoloxías para darlle un uso favorable a aquelas persoas que están buscando emprego.
O programa finalizou en decembro cuns resultados que superaron as expectativas marcadas polo Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) con respecto ao número de insercións.
Dende o SIL tiñan como obxectivo alcanzar un 51% de ocupación laboral das 150 persoas participantes no programa. Finalmente, inseríronse o 67% das persoas participantes: 20 en A Coruña, 13 en Ferrol, 10 en Lugo, 10 en Ourense, 11 en Pontevedra, 17 en Santiago e 20 en Vigo.