Santiago Centro presenta o seu Plan Estratéxico do Ensanche
A Estratexia inclúe liñas de actuación nos ámbitos do comercio, urbanismo comercial, veciñanza e máis turismo, coa innovación e a tecnoloxía como motores de desenvolvemento
A Fundación Santiago Centro convoca ao comercio do Ensanche para presentar a súa proposta de Plan Estratéxico, un amplo documento que recolle as debilidades, oportunidades e propostas concretas de actuación no Ensanche en aspectos como o comercio, urbanismo comercial, veciñanza e turismo.
A proposta foi elaborada baixo a dirección de Santiago Centro, traballando con distintos expertos e técnicos de diferentes campos, así como con comerciantes e hostaleiros.
As liñas xerais do programa foron ademais presentadas e avaliadas co tecido asociativo con presenza no Ensanche, a organización comarcal de comercio Proxecto Em‐Rede e máis a Asociación de Veciños Raigame, que tamén achegaron a súa visión e propostas.
O plan, baixo a denominación Nova Estratexia Comercial para o Ensanche, abrangue múltiples campos e realiza propostas concretas de actuación. Coa súa presentación ao comercio preténdese analizar as propostas, xerar debate e, no seu caso, mesmo incorporar novas medidas.
A Estratexia foi elaborada nos últimos meses apoiándose na realización de diversas mesas de debate coa participación de expertos en urbanismo, turismo, comercio e hostalaría; informes sobre aspectos parciais encargados especificamente a profesores universitarios e técnicos expertos en distintas áreas; un estudo sobre a percepción e información que turistas e peregrinos teñen do Ensanche, elaborado en colaboración coa Escola de Turismo da Coruña (adscrita á UDC); e a consulta ás asociacións con presenza no Ensanche.
O resultado é unha batería de propostas que se somete agora ao conxunto do comercio para a súa avaliación final como guía de actuación e directrices para dinamizar a actividade comercial e a vida comunitaria no Ensanche, ante as múltiples ameazas ás que se enfronta o pequeno comercio na actualidade.
O acto de presentación celebrarase o vindeiro martes, día 5 de febreiro, en dependencias do Real Aeroclub de Santiago (rúa do Xeneral Pardiñas) a partir das 20:30 horas. Con posterioridade, Santiago Centro celebrará tamén a súa reunión anual de asociados, na que se presentará o resume de actividades realizadas en 2018 e a proposta de programación de 2019, que inclúe xa a posta en marcha de distintas medidas incluídas na Estratexia.
REPARTO DE MÁIS DE 24.000 TICKETS GRATUÍTOS
A reunión servirá tamén para que Santiago Centro faga unha avaliación das actividades realizadas en 2018 e o seu impacto. Entre elas atópanse a posta en marcha do programa de aparcadoiro gratuíto para clientes (mediante o que se distribuíron 24.100 tíckets), a segunda edición da Mostra de Arte Contemporánea en escaparates, Pasearte, actividades dirixidas ás familias, campañas vinculadas ás datas máis significativas para o comercio e outras accións de dinamización, ademais da promoción a través de internet e redes sociais ou accións de formación e campañas de sensibilización sobre o comercio próximo.
Santiago Centro presentará asemade a súa proposta de actividades para o 2019. Ademais de manter e potenciar accións xa emblemáticas coma Pasearte, o Centro Comercial Aberto aposta pola realización de actividades culturais, de escaparatismo e de implicación social que liguen o comercio co día a día do Ensanche.
A tecnoloxía e a recuperación da memoria e da historia da zona tamén terán unha presenza fundamental en varias das propostas para 2019.
Para a reunión están convocados todos os asociados de Santiago Centro, así como todos os comerciantes e empresarios do Ensanche que desexen coñecer a Estratexia e realizar as súas achegas.