Comezan os primeiros pasos das Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico
Os combinados, tanto masculino como feminino, concentráronse en Marrozos nunha intensa xornada que se completou con exercicios sobre o campo, probas físicas e incluso sesións de vídeo
O campo de rugby de Marrozos acolleu no día de onte unha nova sesión de traballo das Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico, coa vista xa posta en preparar os próximos GAA World Games, que se celebran do 29 de xullo ao 2 de agosto na localidade irlandesa de Waterford.
Os combinados galegos, tanto masculino como feminino, concentráronse ás 10.30 horas para realizar unha intensa xornada de adestramentos que se completou con diferentes exercicios sobre o campo, nos que se traballaron cuestións tácticas e técnicas, con probas físicas individuais, complementadas con sesións teóricas en vídeo. A concentración rematou en torno ás 18.00, e serviu tamén como xornada de convivencia entre o grupo, que compartiu xantar no Centro Sociocultural de Marrozos.
Trátase da segunda concentración de preparación que celebran as Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico de cara ao mundial 2019. As rapazas, actuais campioas de Europa, continúan ás ordes de Pablo da Silva e de Santi Rodríguez e os homes -subcampións do europeo celebrado en Lorient- seguen dirixidos por Alexandre Sanmartín “Jano”.
Ambas escuadras, tras o bo nivel amosado este verán, aspiran a facer un bo papel nos GAA Wolrd Games na categoría de “nativos” -isto é, os non nados en Irlanda- e a seguir demostrando que Galicia é unha auténtica potencia a nivel internacional no fútbol gaélico. Despois da sesión de onte iranse convocando novos adestramentos, así como outras iniciativas preparatorias, que se intensificarán nos meses previos ao mundial.