Eliminan tres vertidos de augas residuais en Cacheiras e Calo
Os puntos de vertido foron localizados por parte do persoal do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante as labores rutineiras de inspección
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de comprobar a emenda da contaminación asociada a tres puntos de vertido localizados nos núcleos de Cacheiras e Calo, no municipio de Teo.
Os puntos de vertido foron localizados por parte do persoal do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante as labores rutineiras de inspección.
No primeiro tratábase dunha rede de pluviais con presenza de aportes contaminantes localizada no lugar de Requián, Cacheiras, e que afectaba ao río Tella. A problemática existente neste punto, segundo se puido verificar en diferentes inspeccións levadas a cabo por técnicos de Augas de Galicia na compaña de persoal do servizo municipal de augas, derivaba de filtracións procedentes do colector de saneamento próximo.
Respecto ao segundo punto, localizado tamén en Cacheiras, a problemática tamén estaba asociada con filtracións de augas residuais procedentes da rede de saneamento municipal que provocaban a presenza de emisións contaminantes a través do colector de augas pluviais que desaloxa de xeito directo ao rego da Auga, afluente do río Tella.
En canto ao terceiro, os técnicos de Augas de Galicia observaron un punto de vertido procedentes de diversas vivendas da zona conectados á rede de pluviais que descorre ao seu paso polo lugar do Francés, na parroquia de Calo, e que acaba desaugando na marxe dereita do rego de Rodullo.
En todos os casos acometéronse accións correctivas por parte do Concello de Teo, para emendar as deficiencias que presentaban.
Cómpre sinalar que no punto localizado no lugar de Requián as actuacións executadas consistiron na revisión e selado do colector de saneamento, e na zona do rego da Auga foi precisa a substitución dun tramo do colector de augas pluviais para solventar as deficiencias que presentaba. No terceiro caso, no lugar das vivendas de O Francés, a zona foi dotada de rede de saneamento e, a maiores, foron corrixidas as acometidas incorrectas existentes na rede de pluviais, cara á nova rede de sumidoiros.
A Xunta efectuou recentemente a inspección para comprobar a efectividade das medidas correctoras do Concello de Teo, que foron avaliadas mediante a realización de controis analíticos nos puntos de descarga dos devanditos puntos de pluviais, e confirmaron que se atopa libre de contaminación.