miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

En Marea denuncia o "nepotismo" da Xerencia Sanitaria de Santiago

En Marea denuncia o "nepotismo" da Xerencia Sanitaria de Santiago
En Marea denuncia o "nepotismo" da Xerencia Sanitaria de Santiago

Eva Solla explicou que é moi grave que no DOG aparecese publicado o nome da persoa á que se lle ía adxudicar esa xefatura de servizo

O nomeamento irregular dun xefe de servizo de Cirurxía cardiovascular no hospital de Santiago é un novo caso de nepotismo por parte da responsable desta xerencia, Eloína Núñez, "tras a manipulación da orde de provisión no Diario Oficial de Galicia", orde na que aparece o nome dun candidato entre os requisitos. A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, cualifica a situación de "unha estrema gravidade" e pide a dimisión da responsable desta xerencia.

Eva Solla explicou que é moi grave que no DOG aparecese publicado o nome da persoa á que se lle ía adxudicar esa xefatura de servizo, "isto confirma o que En Marea denunciou hai uns meses, cando presentamos unha proposta de lei para escoller as xefaturas de servizo dun xeito transparente e tomando como base os méritos e capacidades". Eva Solla apuntou que agora non era así, "escolléndose as xefaturas agora por designación das xerencias ou da propia consellería, nomeando a xente que é próxima politicamente ao PP". 

Para a deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento, as explicacións ofrecidas pola Xunta son ridículas e só tentan dispersar a atención do verdadeiro motivo, que é o comportamento nepótico da consellería nestes casos e a necesidade de articular unha fórmula transparente para o acceso as xefaturas de servizo.

En Marea súmase ás denuncias sobre esta situación e pregúntalle a Consellería de Sanidade se ten pensado tomar medida sobre unha situación tan irregular como este nomeamento. Ademais, segundo apuntou Eva Solla, "pedimos o cese ou a dimisión de Eloína Núñez de maneira inmediata". Solla asegura que este feito por si mesmo xa é suficiente para esixir a dimisión de esta xerente, pero hai outras situacións que confirman esta petición "a falta de coidado en xestionar un hospital ou a persecución das traballadoras en folga das urxencias". 

En Marea quere saber se o goberno ten aberto un expediente para saber cal é a circunstancia deste nomeamento e "se o goberno non considera que é necesario cambiar a lei para garantir a transparencia e a limpeza na selección das xefaturas de servizo, nunha consellería de Sanidadena que é moi habitual a falta de transparencia". 

Comentarios
Lo más