O Hospital Clínico acolle a reunión dos principais expertos de fibrilación auricular
A Sociedad española de Cardiología ven de recoñecer a “excelencia” no tratamento desta patoloxía no CHUS
Hospital Clínico de Santiago acolleu onte e hoxe o IV Simposio “Santiago sen FA” que organiza o Servizo de Cardiología do CHUS. Nestes días abordaranse todas as novidades relacionadas coa FA e o proceso asistencial e que contará con expertos de máximo nivel como Josep Brugada, José Luis López Sendón, Ignacio García Bolao, Pedro Luís Sánchez, Javier Jiménez Candil, Mario Jorge Amorim e Ricardo Fontes-Carvalho que se unirán aos expertos en FA de Galicia.
Esta tarde será inaugurado pola xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez e o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS, Ramón González-Juanatey.
A fibrilación auricular (FA) constitúe a arritmia cardíaca sostida máis frecuente e o seu diagnóstico leva consigo un aumento do risco de ictus e de insuficiencia cardíaca. Na Xerencia de Xestión Integrada de Santiago padécena aproximadamente 8.000 persoas (2.1% da poboación da área) e un 10% delas non están diagnosticadas por permanecer asintomáticas.
A detección precoz de FA por medio de probas de cribado sinxelas como a toma do pulso e un ECG (electrocardiograma), son esenciais en grupos de risco de padecer FA como son os pacientes maiores de 75 anos e aqueles con idade menor pero con factores de risco cardiovascular como a hipertensión, cardiopatía isquémica, enfermidade pulmonar obstructiva crónica e diabetes.
A detección precoz é fundamental para previr as dúas complicacións maiores da FA que son o ictus e a insuficiencia cardíaca. A prevención do ictus realízase con tratamento anticoagulante que reduce en 2/3 o risco de padecer un ictus.
Na área sanitaria de Santiago están anticoagulados o 72% dos pacientes con FA. A introdución dos anticoagulantes directos axudará a mellorar a porcentaxe de anticoagulación en pacientes con risco moderado-alto de ictus cunha eficacia e seguridade maiores que os anticoagulantes clásicos e a reducir a porcentaxe de pacientes sometidos a antiagregación cuxo beneficio protector é moi baixo.
Os avances tecnolóxicos permitiron desenvolver tratamentos invasivos para a FA como é o da ablación con catéter que permite mellorar a calidade de vida destes pacientes substancialmente. No último ano comunicáronse resultados favorables deste tratamento que permitiu aumentar o grupo de pacientes con FA aos que se ofrece o tratamento de ablación con catéter.
A Unidade de Electrofisioloxía do Hospital Clínico foi recoñecida recentemente co proceso “SEC-Excelente en ablación de FA” que é un recoñecemento que outorgou a Sociedade Española de Cardiología. Este galardón débese tanto á dotación tecnolóxica punteira desta Unidade como á implicación dos cardiólogos do centro na selección e no seguimento dos pacientes.
Tamén se abordará estes días o modelo de organización en procesos asistenciais que na xerencia sanitaria compostelá se iniciou para a FA en 2014. Os profesionais do servizo de cardioloxía continúan renovando e avaliándoo de forma dinámica ano tras ano, adoptando todos os cambios que achegan valor asistencial aos pacientes con FA, tanto no seu diagnóstico como no seu tratamento. Todo iso coordinado desde Atención Primaria (tanto persoal médico como de enfermería) e integrando ata oito especialidades diferentes.