Finaliza a investigación do exalcalde de Camariñas por contratos irregulares
A instrutora indica no auto, que foi notificado onte, que hai indicios de que se beneficiou economicamente das comisións xeradas pola tramitación de pólizas contratadas co Concello
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión finalizou a investigación sobre as contratacións de seguros realizadas no Concello de Camariñas por parte do que foi alcalde entre 2007 e 2018, quen á súa vez era administrador único da axencia aseguradora implicada.
A maxistrada acordou que a causa se siga contra o exrexedor municipal por se os feitos que se lle imputan fosen constitutivos dun delito de prevaricación e doutro continuado de negociacións e actividades prohibidas a funcionarios públicos.
A instrutora indica no auto, que foi notificado onte, que hai indicios de que se beneficiou economicamente das comisións xeradas pola tramitación de pólizas contratadas co Concello.
A maxistrada sinala que o entón rexedor, ditou “resolucións arbitrarias” para contratar os seguros á súa empresa “aínda que coñecía a existencia de informes de reparo do interventor municipal para o pago de recibos contrarios á lexislación”.