miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Rexistradas 108 incidencias durante o día de onte por mor do temporal

Rexistradas 108 incidencias durante o día de onte por mor do temporal
Rexistradas 108 incidencias durante o día de onte por mor do temporal

A tipoloxía máis repetida é a incidencia nas estradas provocada pola caída de árbores, pólas, bolsas de auga (28) e obstáculos de pedra e terra nas vías de circulación (22)

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar, desde as 08:00 horas ata as 18:00 horas de onte, un total de 108 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa que está a afectar á nosa Comunidade.

Por provincias, a de Pontevedra foi a máis afectada con 56 incidencias rexistradas, A Coruña con 23, seguida de Lugo con 20 e por último a provincia de Ourense con 9 incidencias contabilizadas. A tipoloxía máis repetida é a incidencia nas estradas provocada pola caída de árbores, pólas, bolsas de auga (28) e obstáculos de pedra e terra nas vías de circulación (22).

En canto aos concellos onde máis se deixou notar o temporal neste periodo destacan, o de Vigo con 16 incidencias e o de Pontevedra con 7. Por outra banda, Narón alcanzou as 4, A Coruña 3 e Folgoso do Courel , Sober e Triacastela sumaron, respectivamente, 2 incidencias.

Cómpre sinalar que o CIAE 112 Galicia tivo constancia do corte total ou parcial de estradas polo desbordamento dalgún río na Comunidade. Neste senso, en Narón, unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia do desbordamento do río Xubia á altura da estrada que une Doso e Pedroso. Os feitos producíronse ao fío das 10:30 horas e foi necesaria a intervención da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Narón e de Protección Civil para restablecer as condicións de seguridade na vía, que quedou totalmente cortada polo desbordamento.

Tamén acumulouse moita auga na estrada que vai de Guráns a Salceda, no concello de Ponteareas, polo desbordamento dun río. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación ás 10:45 horas e, decontado, os xestores do CIAE-112 pasaron o aviso á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos do GES e Bombeiros de Ponteareas e a Protección Civil do municipio pontevedrés.

Ademais, pasados uns minutos das 04:30 horas desta madrugada, a Policía Local de Cangas informaba ao 112 Galicia do derrubamento dun talude de terra e pedras no corredor do Morrazo, xustamente na saía de Cangas. Así mesmo, comunicaban, que debido ao derrubamento un coche batera contra o mesmo. Afortunadamente, ninguén resultou ferido. Por ise motivo, nese punto, a saída 12 dirección Aldán tivo que ser pechada á circulación.

Comentarios
Lo más