O Auditorio de Galicia fai un cambio nas súas butacas
O cambio está recollido no plan director redactado polo Consorcio de Santiago para o edificio e a inversión final da colocación das novas butacas foi de 272.957,40 €
Trinta anos despois da súa apertura, no ano 1989, o Auditorio de Galicia renovou as butacas da sala Ángel Brage.
O cambio está recollido no plan director redactado polo Consorcio de Santiago para o edificio e a inversión final da colocación das novas butacas foi de 272.957,40 €. Foi acometido pola Sociedad Cooperativa Obrera Ezcaray (Ezcaray Internacional), que gañou o concurso por procedemento aberto mediante o cal se licitou o contrato.
CÓMODAS E CON MÁIS ESPAZO
As novas butacas mellorarán a experiencia dos e das espectadoras, xa que son máis cómodas e confortables. Ademais, supoñen unha adaptación da sala aos cambios producidos no marco normativo de seguridade estes últimos 30 anos e a súa distribución e materiais respectan a acústica da sala. Aproveitouse tamén o cambio de butacas para cambiar elementos auxiliares, moqueta e luces.
Para os tapizados das butacas escolléronse diferentes cores colocadas de xeito estratéxico para minimizar os efectos ópticos da pendente da sala. Para facer iso, optouse por incorporar a gama cromática das cores oficiais da cidade, sen romper a estética da sala e mantendo a cor vermella como a predominante.
Ademais das butacas extraíbles sobre o foso da orquestra, agora tamén se poderán retirar unha serie de butacas no fondo da sala para poder instalar unha mesa accesoria de son, iluminación ou outros recursos escénicos.
Co cambio, mellórase a accesibilidade da sala e adáptase o 1% do espazo para cadeiras de rodas en lugares de moi boa visibilidade, nas filas centrais. Ademais, as butacas contiguas a eses espazos terán repousabrazos abatibles para permitir o acceso ás mesmas ás persoas con mobilidade reducida.
A sala terá agora un aforo de 996 persoas, contando con 986 butacas e espazo para 10 cadeiras de rodas.