Agustín Hernández denuncia da "falta de transparencia" do Goberno Local pola "non retransmisión" do último Pleno
Os populares amosaron a súa perplexidade pola decisión do equipo de Goberno de deixar “sen información directa e real” aos veciños de Santiago
O Grupo Municipal Popular ven de denunciar a "falta de transparencia" por parte do Goberno de Compostela Aberta á hora de retransmitir os Plenos que se celebran no Concello de Santiago. O grupo que dirixe Agustín Hernández remarca que proba disto é o “esquecemento” do goberno de Martiño Noriega de emitir o Pleno das Contas Xerais.
Os populares amosaron a súa perplexidade pola decisión do equipo de Goberno de deixar “sen información directa e real” aos veciños de Santiago, "sobre o xeito de manexar os cartos o Goberno de Martiño Noriega", aseguran.
Para o Grupo Municipal Popular, trátase dunha decisión “singular”, xa que durante estas retransmisións os veciños poden ver as explicacións e respostas de todos os grupos da corporación, sen que interveñan intermediarios, polo que esta situación suporía unha “ocultación dunha información transcendente” afirman os de Agustín Hernández.
CANAL DE YOUTUBE
O Concello de Santiago ten contratada unha empresa que é a encargada da retransmisión, a través da plataforma Youtube, dos Plenos, polo que calquera pode informarse, desde o seu propio ordenador, do que ten acontecido.