Noa Morales presenta as actividades da mocidade elixidas polos Orzamentos Participativos
Entre as accións elixidas pola mocidade de Santiago cómpre sinalar aquelas "que se están consolidando na programación da nosa cidade" e que son elixidas ano tras ano pola xente moza
A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta onte do calendario de actividades que se desenvolverán durante o 2019 e que vén de ser aprobado pola Xunta de Goberno Local do pasado venres.
A edila lembrou que "é o cuarto ano consecutivo que destinamos os 100.000 euros orzamentados para actividades á elección da mocidade de Compostela, que é, en definitiva, a destinataria das mesmas". Así, das 20 propostas que pasaron á fase final de votación, foron elixidas nove que se irán desenvolvendo en dúas quendas, a partir do mes de marzo-abril e á volta das vacacións de verán.
Neste 2019, unha terceira parte das actividades seleccionadas son novas, mentres que a porcentaxe restante está formada por accións que se viñeron desenvolvendo en edicións anteriores dos Orzamentos Participativos e que "tiveron moi boa acollida e éxito de participación". Dentro das novas estarían a actividade "Derrubando muros con pintura versión Compostelá", que levou 313 puntos; "Formación en consumo responsable e economía social en colexios, institutos e asociacións veciñais", con 225 puntos, e a actividade "Espazo de socialización en galego para nenos, nenas e adolescentes", cun total de 174 apoios.
ACTIVIDADES CONSOLIDADAS
Entre as accións elixidas pola mocidade de Santiago cómpre sinalar aquelas "que se están consolidando na programación da nosa cidade" e que son elixidas ano tras ano pola xente moza. Entre elas destacan a "Semana de cine ao aire libre", que se desenvolverá a partir do mes de maio e que conseguiu 279 puntos. Salienta tamén o éxito que tiveron as "Aulas de autodefensa para mulleres", que no mes de marzo e ata decembro celebrarán unha nova edición, cunha primeira quenda de marzo a maio e unha segunda de setembro a decembro. Neste caso conseguiron un total de 229 puntos.
Tamén no mes de marzo arrancarán as "Actividades con cans, fomento da educación e tenza responsable", acción que conseguira 225 puntos. A primavera é tempo tamén de que comece a segunda edición do "Hortalíza-TE (Hortas ecolóxicas e formación para a mocidade)", que se estenderá ata o mes de decembro. Esta actividade tivo un apoio de 204 puntos.
Outra das actividades que leva xa tres edicións é o "Boas Noites, lecer nocturno para a xuventude", que se realizará no mes de novembro no Centro Xove da Almáciga e que levou, no proceso de votación, 251 puntos. Xa no mes de setembro terá lugar o "Curso de lingua de signos", que tivo un total de 197 puntos.
Os obxectivos da programación pasan por atender as demandas e intereses da poboación moza da cidade, respondendo a través de varios eixos temáticos á diversidade desta sección da poboación. As actividades desenvolveranse en lugares da cidade como o Centro Cívico do Ensanche ou o Centro Xove de Creación Cultural.