Agustín Hernández reuniuse onte cos representantes do Foro Cívico Empresarial
Hernández, acompañado dos concelleiros, María Antón e Alejandro Sánchez Brunete, analizou a situación da cidade, que ten perdido numerosas oportunidades de avanzar nos últimos anos
O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, mantivo onte unha reunión con representantes do Foro Cívico Empresarial na Cámara de Comercio de Santiago, onde escoitou distintas propostas de cara a elaborar un programa electoral que de solución ás problemáticas da cidade.
Hernández, acompañado dos concelleiros, María Antón e Alejandro Sánchez Brunete, analizou a situación da cidade, que ten perdido numerosas oportunidades de avanzar nos últimos anos.
Ante os asistentes, Hernández destacou que o Concello de Santiago ten que ser capaz de liderar as importantes obras que aínda están sen facer. Como exemplo, destacou actuacións imprescindibles para a capital de Galicia, como poden ser os accesos á Estación Intermodal e a depuradora.
Así mesmo, Agustín Hernández tamén amosou a súa perplexidade polos orzamentos que o Goberno socialista de Pedro Sánchez destina a Santiago, “unas contas cativas e faltas de ambición, que deixan a Santiago fora dos grandes investimentos que merece unha cidade que, ninguén pode esquecer, é a capital dunha Comunidade autónoma”.
O voceiro Popular explicou que o Concello debe ser o organismo que mellore a vida dos veciños; o que facilite as iniciativas que fagan desta cidade un espazo atractivo para os emprendedores e non ser o ente que cree os problemas que dificulten a vida diaria dos santiagueses.
Por último, o voceiro Popular remarcou que a cidade non pode esperar máis para ter un Plan Especial que dé solución aos problemas do Casco Histórico; debe acadar un Plan de Transporte Público moderno; unha Universidade que sexa centro vertebrador de iniciativas do tecido empresarial e o escenario duns servizos público á altura dunha capital do século XXI.