En Marea Touro aposta polo Camiño Francés
Afirman que o goberno municipal de Ignacio Codesido non ten ningún interés en recuperalo a pesares de contar co apoio dunha entidade internacional que facilitaría a súa definitiva oficialización
En Marea iniciou onte as conversas coas mareas dos concellos por onde pasa o Camiño de Santiago, e que están a sufrir diversos problemas de insalubridade, desprotección, agresións e abandono do patrimonio e do ambiente, para constituír un equipo de traballo.
En Marea Touro forma parte deste equipo co obxectivo principal de recuperar o Camiño de Santiago polo concello no tramo Arzúa-Quión-Amenal tal e como recomenda facer un organismo asesor da UNESCO.
Afirman que o goberno municipal de Ignacio Codesido non ten ningún interés en recuperalo a pesares de contar co apoio dunha entidade internacional que facilitaría a súa definitiva oficialización. Ante esta situación o colectivo local tomou as rendas para tramitar no parlamento diversas medidas para conseguir a súa recuperación como camiño de peregrinaxe.
A posta en marcha deste itinerario xacobeo daría un empuxón económico á localidade e xeraría unha dinámica positiva para a creación de novos negocios e a fixación de poboación.
A esta primeira conversa, na que participaron os representantes das mareas de Oia, Touro e Mondoñedo coa vicevoceira e responsable de organización territorial e municipalismo de En Marea, Ana Seijas, seguirán engadíndose novas mareas que están a ver e a sufrir as mesmas problemáticas nos seus concellos.
A construcción dun parque eólico en Mondoñedo, o saneamento insalubre e a desprotección do Mosteiro de Oia (ben de interés cultural protexido) e a construcción da Mina en Touro (afectando tamén ao traxecto do Camiño), son algunhas das cuestións sobre as que falaron onte nesta primeira xuntanza.
Unhas reunións que permitirán non só visibilizar todas estas problemáticas, senón tamén iniciar accións conxuntas para que de unha vez por todas déanse solucións reais a todos estes problemas esquecidos nun caixón polo goberno do PPdeG.