Sito Miñanco condenado a catro anos de cárcere por blanqueo de capitais
O tribunal impuxo a mesma pena de prisión e multa á primeira esposa de José Ramón P.B., a unha das súas fillas, a súa excuñada e a un empresario
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a catro anos de cárcere e a pagar unha multa de seis millóns de euros a José Ramón P.B., alias Sito Miñanco, como autor dun delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas. O tribunal impuxo a mesma pena de prisión e multa á primeira esposa de José Ramón P.B., a unha das súas fillas, a súa excuñada e a un empresario. Ademais, acordou a clausura definitiva da entidade Inmobiliaria San Saturnino S.L., á que considera “o eixo ao redor do cal todos os acusados levaron a cabo o delito de branqueo de capitais”, e decretou o comiso da totalidade de bens adquiridos con cartos procedente do narcotráfico.
Os maxistrados consideran acreditado na sentenza que “sen distincións entre eles”, todos os acusados “participaron activamente de xeito fundamental no conxunto de actos a través dos que pretendían lavar os cartos procedente do narcotráfico”. A Audiencia destaca á hora de fixar a pena “o volume dos cartos branqueados”, así como os “negocios que levantaron, sostiveron e aínda teñen” e a cantidade de sociedades que formaron “para ocultar ou, cando menos, maquillar, a procedencia dos cartos”.
O fallo sinala que o coñecemento que tiñan os sospeitosos da procedencia delituosa dos cartos colíxese “dun xeito ben doado do notorio e desproporcionado incremento patrimonial que cos seus demostrados ingresos lícitos e ordinarios, non puideron xustificar”. A “orixe dos cartos”, segundo a sentenza, só se explica “pola relación de todos eles coas actividades delituosas, sobre todo, do acusado José Ramón P.B.”. Os xuíces salientan que os ingresos lícitos dos imputados “non lles daban para manexar tan inxentes cantidades de cartos”.