Goretti Sanmartín cre que a modificación da ordenanza das terrazas "é unha capa de verniz"
Recoñeceu "o esforzo de diálogo e de consenso co sector", "mais esquivouse unha abordaxe integral” e iso desvela “falta de ambición para realizar unha mudanza de maior calado"
Goretti Sanmartín cuestionou diversos puntos da modificación da Ordenanza reguladora de terrazas e quioscos de hostalaría, co que Compostela Aberta non presenta un proxecto "senón unha modificación parcial dalgúns aspectos para darlle á ordenanza actual unha capa de verniz".
Ao BNG gustaríalle que esta ordenanza proxectase "que Santiago queremos, cal é o modelo que colectivamente propomos, que utilización queremos das beirarrúas e prazas, que podemos facer por mellorar un aspecto que, evidentemente, é un valor acrecentado para turistas e para veciñas de Compostela".
Na cara positiva, destacou a inclusión de propostas do propio sector como regular as terrazas interiores, dar media hora a maiores para recoller tras o remate da xornada, actualizar algúns aspectos legais como os referidos á vixencia e renovación das autorizacións. A aceptación parcial de diversas das alegacións propostas e, moi concretamente, á das asociación Hostelaría Compostela, Asociación de bares e pubs de Compostela e asociación Cultural Cidade Vella, "sen ningunha dúbida contribúen a un texto que mellora unha ordenanza sobre a que o BNG xa realizou con anterioridade algunha proposta de modificación na propia Comisión de Urbanismo que, finalmente, tamén foi incorporada ao texto resultante".
Deste xeito, recoñeceu "o esforzo de diálogo e de consenso co sector", "mais esquivouse unha abordaxe integral” e iso desvela “falta de ambición para realizar unha mudanza de maior calado sobre a ordenanza do PP para, desta maneira, facer público o modelo de que Compostela queremos ", sinalou a portavoz municipal do BNG.