O BNG abstense na aprobación da Conta Xeral do 2017
“Esta conta xeral reflicte un Goberno sen modelo de cidade, sen modelo económico-financeiro propio para este concello, que é continuador da política económica e orzamentaria do PP”, destacou o concelleiro Rubén Cela
O grupo municipal do BNG, no Pleno extraordinario para a aprobación da Conta xeral da entidade local do ano 2017 emitiu un voto de abstención para facilitar que sexa remitida ao Ministerio de Economía e Facenda, “aínda que sexa con tantísimo atraso e, polo tanto, para poidamos recibir os fondos que lle corresponden a este Concello”, afirmou Rubén Cela.
“Esta conta xeral reflicte un Goberno sen modelo de cidade, sen modelo económico-financeiro propio para este concello, que é continuador da política económica e orzamentaria do PP”, destacou o concelleiro nacionalista.
Trátase dun Goberno local “con moitos problemas de xestión, incapaz de executar minimamente o que promete en cada orzamento”. Iso suponlle unha tripla perda, en canto a obras necesarias, postos de traballo e actividade que non se crea, ademais da imposibilidade de investir remanentes en vez de amortizar débeda e incapaz de acceder a determinado financiamento, engadiu.
Así, na súa intervención destacou “o baixo nivel de execución orzamentaria, sobre todo, no ten a ten a ver cos investimentos e transferencias”. Dos algo máis de 28 millóns de euros que tiveron para executar obras e investimentos en Santiago durante 2017, deixaron sen executar máis de 21,5 millóns de euros. É dicir, a execución do CAP VI de investimentos foi do 23,7%
Referiuse tamén a que ese nivel de investimento ten consecuencias tamén en datos como o investimento por habitante, cunha evolución de 70,32 €/h (2014), 92,58 €/h (2015), 62,03 €/h (2016) e 68,19 €/h (2017). “É, tan só, un 23% do que se investía por habitante en 2010 cando Compostela facía un investimento anual por habitante de 292,28 euros”, afirmou.
Non só é baixa a execución dos investimentos, tamén o das transferencias. “Así vemos unha execución no capítulo IV, especialmente grave, por exemplo, no referido a subvencións a entidades sen ánimo de lucro. Son recursos que o Concello debería pór a disposición da cidadanía e que quedaron no peto do Concello. Difícil de entender en áreas tan sensíbeis como servizos sociais ou fomento do emprego.
Rubén Cela cualificou de “inaceptábel” o período medio de pago a provedores, pois no pasado mes de outubro chegou a ser de 87,58, é dicir a case triplicar o máximo legal.
En canto ao superávit, destacou que “non é un éxito, senón un fracaso” porque procede da falta de execución, “e este ano é dobremente gravoso xa que, nin tan sequera, puidemos destinar parte del, como noutros anos, a investimentos financeiramente sostíbeis xa que o Concello non cumpriu tampouco os seus compromisos en materia de pago a provedores, e a lei lle impide por esa mala xestión, realizar eses investimentos”. O resultado práctico é “máis pago aos bancos e menos investimento en Santiago.