Bascuas preocupado pola seguridade dos peóns na variante de Aradas
Dende Compromiso amosan a súa preocupación ante a inminente apertura da variante de Aradas o próximo día 4 de febreiro, que vai sacar o tráfico pesado do barrio de Vite
Xoán Bascuas, candidato de Compromiso nas vindeiras eleccións locais, demanda ás diferentes administracións públicas a colocación de pasos peonís na variante de Aradas na súa conexión coa rotonda do Romaño e na súa entrada no Polígono do Tambre, nos viais Marconi e Nobel, e propón a colocación dun semáforo de velocidade para garantir a seguridade dos mesmos.
Dende Compromiso amosan a súa preocupación ante a inminente apertura da variante de Aradas o próximo día 4 de febreiro, que vai sacar o tráfico pesado do barrio de Vite. A partir de agora, o tránsito procedente da estrada de Santa Comba e Trazo vai ser desviado directamente polo Polígono do Tambre.
Velaí que os galeguistas apunten a necesidade de poñer todas as medidas de seguridade precisas para os peóns na rotonda do Romaño e na entrada da variante no Polígono do Tambre, “medidas que non se contemplaron no actual proxecto, o que reflicte como se fan as cousas a día de hoxe”, engaden dende Compromiso.