Noriega presenta o Plan Estratéxico Talentia 2019-2021
Martiño Noriega tamén apostou por colocar "o emprego e o talento no corazón da axenda política de Compostela"
O Hostal dos Reis Católicos acolleu onte a presentación do Plan Estratéxico Talentia 2019-2021, que busca dinamizar o emprego partindo do talento, non só en Compostela senón na súa contorna. O acto estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e nel participaron a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o responsable do Comité Executivo de Finsa, Fernando Segade, e o responsable de Innovación de Televés, José Manuel Álvarez. Ademais, asistiron preto de 90 persoas de empresas de Santiago.
Talentia 2019-2021 desenvolverase en tres etapas: a primeira fase, con Talentia como referencia en Galicia no eido da xestión e o desenvolvemento do talento; a segunda, xa no 2020 co obxectivo de expandirse a un eido máis estatal ao contar coa solidez suficiente tras dúas edicións e, finalmente, unha terceira na que porá o foco en que este evento traspase fronteiras e se xere impacto económico en Compostela, coincidindo co Ano Santo 2021.
Na súa intervención, o alcalde lembrou que o Concello de Santiago investiu, no eido do emprego, "seis millóns e medio de euros obtidos en diversas convocatorias europeas, estatais e galegas, coa finalidade de mellorar e ampliar as políticas activas de emprego na cidade e dar un paso un paso adiante apostando pola atracción do talento e facer da capital do país un referente de políticas para o conxunto do territorio galego. Neste contexto, engadiu, "foi esencial contar co compromiso e impulso dos axentes estratéxicos da cidade que dende 2015 están adheridos ao Pacto polo Emprego".
Martiño Noriega tamén apostou por colocar "o emprego e o talento no corazón da axenda política de Compostela". Ademais, destacou a importancia de establecer "un acordo político de cidade sobre a estratexia de emprego e captación de talento, coa participación e complicidade de todos os axentes económicos. A incorporación da perspectiva de xénero e o principio de igualdade de oportunidades, engadiu, "son fundamentais para corrixir a fenda de xénero salarial e laboral".
Outro dos eixos sobre os que pivotou a intervención do alcalde foi a estratexia empresarial. Compostela "é unha capital cun tecido industrial cun gran potencial de crecemento e precisamente dende a Mesa pola reindustralización , impulsada pola Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Concello leva acompañando as estratexias e iniciativas que se van consensuando para especializar e fortalecer a nosa economía, apostando polo sector da biotecnoloxía e a madeira. "O reto -engadiu Martiño Noriega- é pasar do 5,85% do PIB na industria a conseguir ese obxectivo do 9% que nos marcamos para 2020. Santiago goza dunha situación xeográfica privilexiada, dun sector cultural e patrimonial sólido e dinámico e dun turismo crecente que sen dúbida debe ser estratéxico e sustentable".