O Bloque pide máis recursos para a atención primaria
O BNG da Barbanza pide que a Xunta faga un aumento do orzamento destinado a Sanidade, incluíndo o dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal:
Un dos temas que máis alarma social está provocando na sociedade galega é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é o resultado dos graves recortes e privatizacións que o Partido Popular leva realizado desde 2009, e que están poñendo en risco a saúde e a vida das persoas.
"A política sanitaria de Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: converter o dereito á saúde nun negocio para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade" asegura a formación nacionalista..
O membro do Consello Comarcal Ramiro Ouviña explicou que “a Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros”.
“As consecuencias son tremendas” explicou “masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite...”
Ante esta circuntancia, o BNG da Barbanza pide que a Xunta faga un aumento do orzamento destinado a Sanidade, incluíndo o dimensionamento e estabilidade dos cadros de persoal: convocatoria de todas as prazas vacantes en todas as categorías contratos estábles e dignos substitucións dos profesionais pola totalidade da ausencia aumento das prazas de formación de especialistas, MIR.
Ouviña expresou que a Xunta de Galicia debe traballar na eliminación listas de espera contratando persoal e tendo operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas, camas, quirófanos... e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada ou como no caso da Barbanza que derivan a Santiago co prexuízo que iso causa na poboación barbanzá.
Por último os nacionalistas destacan que se debe crear un Plan de Mellora de Atención Primaria que contemple o incremento do investimento até chegar como mínimo ao 20% do orzamento (no inmediato incremento de 200 millóns de euros). Recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria. Incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar e comunitaria. Mellorar os equipamentos nos centros de saúde e PACs. Garantir equipos completos de profesionais nos PACs.