Aldea Viva asegura que a mina de Touro "podería ser tres veces maior que o de Brumadinho en Brasil"
A asociación Aldea Viva xa alertara no seu momento da enorme perigosidade que suporía construír unha balsa de 50 millóns de metros cúbicos na aldea de Arinteiro
A balsa mineira proxectada a escasos metros das vivendas na aldea de Arinteiro tería unha capacidade máxima duns 50 millóns de metros cúbicos de lodos.
Estas cifras extráense do proxecto presentado por Cobre San Rafael, que ademáis califica o risco de rotura como moi alto seguindo as directricesdaasociación de presas de Canadá . Nese mesmo documento cífrase o posible número de perdas humanas entre 10 e 100.
A asociación Aldea Viva xa alertara no seu momento da enorme perigosidade que suporía construír unha balsa de tales dimensións, con máis de 3 km de lonxitude e 50 m de alto, ó lado de núcleos de poboación.
UNHA CATÁSTROFE MAIOR QUE BRASIL
Os datos ofrecidos por axencias internacionais como Reuters falan dun total de 13 millóns de metros cúbicos vertidos tras a rotura das balsas mineiras no Brasil, unha cifra moi inferior á capacidade total da balsa de Arinteiro.
No ano 2015 no mesmo estado de Mina Gerais rompeu outra balsa mineira, tamén propiedade de Vale S.A.
Os lodos percorreron 700 km até chegar o mar, un caso que se podería dar facilmente en Touro tendo en conta que a distancia á ría de Arousa è moito menor e que os numerosos cursos fluviais que nacen na mina desembocan no río Ulla.
A multinacional mineira responsable da catástrofe en Brasil fala na súa páxina web da súa responsabilidade social corporativa, facendo especial fincapé na sostibilidade e no coidado do medio ambiente. Ao igual que a mineira de Touro, presume de xeito frecuente de facer "minería moderna do século XXI".
Para Aldea Viva este é "un exemplo do mal facer destas empresas, que esconden con publicidade enganosa as súas prácticas de abaratamentos de costes e maximización de beneficios en detrimento da seguridade".