O Grupo Municipal Popular reitéralle ao Goberno de Martiño Noriega que incorpore Santiago ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero
Corral destacou que a inclusión do Concello a este sistema a través da Policía Local redundaría na protección da vítimas veciñas de Santiago, con unha atención e seguimento directos, o que supón unha maior eficacia
A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, reiteroulle hoxe, en rolda de prensa, ao Goberno de Compostela Aberta que adhira ao Concello de Santiago ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Vioxen), Corral lembroulle ao equipo que dirixe Martiño Noriega que as declaracións institucionais e os acordos plenarios non poden quedar “en papel mollado, hai que traballar para sacalas adiante”.
Os Populares pediron a adhesión a este sistema no Pleno de xullo de 2017, a través dunha moción aprobada cos votos favorables do PP e a abstención do resto, como non se fixo, reiteramos a petición en agosto de 2018 e, máis recentemente, na reunión de novembro de 2018 da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, na que o estimaron necesario todas as partes presentes, todas as institucións, a policía nacional e a Subdelegación de Goberno a través da que se xestiona a incorporación a este sistema.
Na súa intervención, a concelleira Popular lembrou que “se pedimos o compromiso das administracións, nós temos que facer o propio e as políticas de sensibilización e visibilización nesta materia deben ir acompañadas de acción, xestión e traballo de despacho”, co fin de obter a súa máxima efectividade.
María Corral destacou que a inclusión do Concello a este sistema a través da Policía Local redundaría na protección da vítimas veciñas de Santiago, con unha atención e seguimento directo, e permitiría unha maior coordinación co resto de forzas e corpos de seguridade do estado, xulgados, etc., o que supón unha maior eficacia.
Remarcou que a loita contra a violencia de xénero “non ten cor política, polo que lle pido, novamente ao Goberno, que atenda esta medida, que inclúa contido real ao seu discurso, xa que se incorporamos ao Concello no sistema Vioxen estaremos procurando maior seguridade e máis axudas económicas do Goberno central, polo tanto, daremos cumprimento á declaración institucional que asinamos e o noso traballo terá algún sentido”.
Na declaración institucional asinada no pasado Pleno, lembrou Corral, acordouse esixir o desenvolvemento do referido Pacto de Estado, que foi aprobado cun Goberno do PP que, por certo, non contou co voto favorable da coalición Unidos Podemos-En Comú-En Marea, é que agora é xestionado polo Goberno central do PSOE. Neste pacto aprobouse unha liña de axudas económicas directas a Concellos, dirixidas á erradicación da violencia de xénero.
As axudas consisten nunha cantidade fixa por municipio: 689 euros; unha cantidade fixa en función do nº de habitantes: 0,18 euros por habitante; e o remanente que exista despois do reparto anterior distribuirase proporcionalmente entre os municipios incorporados ao Vioxen, con data de 1 de xullo. Por mor do desleixo do Goberno de Compostela Aberta, Santiago non vai participar no reparto de fondos dos municipios incorporados ao Vioxen, porque non está incorporado.
Éxito do sistema
O éxito do sistema reside na existencia dunha base de datos común á que teñen acceso corpos e forzas de seguridade do estado, Xulgados, institucións penitenciarias, etc., e que permite, non só participar activamente, senón interactuar e compartir información. Así mesmo, hai que subliñar que a adhesión do Concello e a formación dos axentes é gratuíta e redunda nas axudas económicas que se reciban ao amparo do Pacto de Estado.
“Non alcanzo a ver nada negativo e so CA se mantén reacia a esta incorporación o que non se concilia co discurso que mantén este Goberno, se un Goberno aposta pola loita contra a violencia de xénero e non emprega os medios ao seu alcance, gratuítos e que implica recibir ademais axudas económicas, só poido pensar que non é certo o seu discurso”, remarcou
María Corral insistiu en que é moi frustrante pensar que non se fai porque é unha proposta do PP, pero o certo “é que, desde que estou na oposición, vin percibindo que as mulleres do PP somos mulleres de segunda, é máis, o discurso das nosas mulleres é rexeitado de plano, póidolles dicir que me sentín máis relegada como muller nestes catro anos que no resto da miña vida”.
Finalmente, destacou que “o noso grupo sempre mantivo un actitude de colaboración e consenso nesta materia dende a oposición o que non é impedimento para que propoñamos medidas de acción coma a que hoxe veño a reiterar, porque non é nova pero si ignorada”.