A exposición ‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’ inaugúrase o martes na Igrexa universitaria
Toda a documentación e material co que se constrúe o relato visual do que foi o movemento social e cultural Nunca Máis recompílase na exposición ‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’
Toda a documentación e material co que se constrúe o relato visual do que foi o movemento social e cultural Nunca Máis recompílase na exposición ‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’ que o martes 29 se inaugura ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade.
O 19 de maio de 2003, seis meses despois da catástrofe do Prestige, saía do prelo o primeiro volume de Nunca Máis. A voz da cidadanía, editada por Difusora de Letras, Artes e Ideas co obxecto de “compilar documentos para despois devolvelos á cidadanía”. Era o punto de partida dun arquivo con toda a produción que xerou ese movemento social histórico e que o mes de novembro pasado se incorporou aos fondos da Universidade de Santiago.
Xunto aos fondos de Difusora, a exposición mostra parte dos materiais da Asociación Cultural Benito Soto (paraugas legal da Plataforma contra a Burla Negra), Arredemo, o Foro Negro, a coordinadora do ensino Area Negra e moitos outros colectivos e persoas.