A Asociación Área Empresarial do Tambre celebra hoxe unha xornada sobre a arbitraxe mercantil coa exposición de casos reais en empresas galegas
Explicaranse os detalles deste sistema alternativo de resolución de conflitos con provedores, contratas, subcontratas ou co cliente final
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) organiza hoxe unha xornada sobre o “Tribunal de Arbitraxe Mercantil”. A xornada, que se celebrará de 9:30 a 11:00 horas na sede do Centro Empresarial do Tambre, estará impartida polo CEO de Quality Consultores & Abogados, Robert Roca, o director de despacho de Quality Consultores & Abogados, o avogado Ignacio Borregán, e polo avogado de Quality Consultores & Abogados Nino Lourido.
A arbitraxe é un sistema para a resolución de conflitos alternativo á xurisdición ordinaria, ao que poden acollerse persoas xurídicas. Esta modalidade consiste na decisión dun experto, independente e imparcial denominado árbitro, ou o Tribunal Colexiado de tres árbitros, que estudará o asunto concreto e ofrecerá unha resolución sobre o mesmo –o que se denomina Laudo Arbitral, que ten a mesma validez e o mesmo poder de execución que unha sentenza xudicial–.
As principais vantaxes da arbitraxe son a económica e o tempo de resolución. En canto á cuestión económica, Lourido explica que resulta rendible a reclamación de pequenas débedas, cousa que na xustiza ordinaria tería maior custo o avogado, procurador e taxas.
Por outro lado, engade que o tempo para obter unha resolución firme é de tan só dous meses desde o inicio do proceso. “A arbitraxe é un método internacional de resolución de conflitos máis rápido e económico que a xustiza ordinaria” –explica Nino Lourido–. Nino Lourido indica que os conflitos, susceptibles de ser resoltos polo Tribunal de Arbitraxe Mercantil, son de índole mercantil, é dicir, calquera conflito con provedores, contratas, subcontratas ou co cliente final, sempre que este non sexa un particular. E puntualiza que a arbitraxe non se utiliza en materia laboral con empregados ou en Dereito de Familia, así como entre particular e empresa. Ademais, o avogado manifesta que, tanto pequenas empresas como grandes compañías por nivel de facturación, utilizan a arbitraxe en todos os sectores de actividade, posto que é unha ferramenta perfectamente adaptable a calquera ámbito.
No tecido empresarial español, composto fundamentalmente por pequenas e medianas empresas, non existe o costume de acudir á resolución de conflitos polo procedemento da arbitraxe, aínda cando as controversias no mundo empresarial son máis comúns do que un puidera pensar. Mentres a nivel internacional a arbitraxe é algo común e está presente nos procesos de contratación entre empresas, en España aínda non está moi arraigado este medio para dirimir os problemas que poden xurdir en calquera tipo de relación xurídica. “En España existen tribunais moi coñecidos a nivel nacional, como a Corte de Madrid ou o Tribunal de Arbitraxe de Barcelona. En Galicia leva anos implantado, e pouco a pouco as empresas van cambiando a visión sobre este método, que se vai introducindo como unha alternativa real e dinámica na resolución de controversias a título mercantil” –apunta o avogado–.
Na xornada, o relator tratará de achegar a arbitraxe mediante exemplos de casos reais acontecidos en empresas galegas e con resolucións que non serían posibles sen esta ferramenta xurídica de resolución de conflitos.
Arbitraxe versus mediación
Por outra parte, Nino Lourido precisa que en moitas ocasións confúndense os termos arbitraxe e mediación. Así, o avogado explica que coa arbitraxe éntrase no fondo do asunto e é o árbitro –e non as partes– o que dita o laudo que se debe cumprir acorde ao Dereito. E na mediación, sinala que a función do mediador é buscar que as partes se poñan de acordo entre elas, facendo un labor tamén de psicoloxía, máis que de Dereito, sen importar se o trato é bo ou malo para algunha das partes. “O primordial e esencial en mediación é que as partes se poñan de acordo e asinen o que elas desexen” –conclúe–.