miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Descubrir a identidade propia é a chave de Doppelgänger, o novo espectáculo teatral que se estrea hoxe no Salón Teatro

Descubrir a identidade propia é a chave de Doppelgänger, o novo espectáculo teatral que se estrea hoxe no Salón Teatro
Descubrir a identidade propia é a chave de Doppelgänger, o novo espectáculo teatral que se estrea hoxe no Salón Teatro

Os pases terán lugar hoxe xoves 24, venres 25 e sábado 26 de xaneiro ás 20.30h e o domingo 27 de xaneiro ás 18.00h no Salón Teatro de Santiago de Compostela

Tras meses de labor de investigación, residencia artística en Colombia, convivencia entre dúas compañías teatrais cada unha dun lado distinto do Oceáno Atlántico, Doppelgänger (“o dobre que camiña, en alemán”) estréase no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Esta peza é unha coprodución entre as compañías Berrobambán de Galicia e Arca de N.O.E de Colombia co Centro Dramático Galego resultado dun proceso colaborativo estruturado en dúas fases. A primeira etapa de investigación e selección de materiais textuais e visuais desenvolveuse nos meses de agosto e setembro en Medellín e rematou cunha primeira presentación pública. O segundo ciclo de ensaios tivo lugar en Galicia entre decembro e xaneiro. Nesta última fase, as compañías introducieron as conclusións da observación desta primeira fase e culminará estes catro días (do 24 ó 27 de xaneiro) na súa estrea oficial.

Os pases terán lugar o xoves 24, venres 25 e sábado 26 de xaneiro ás 20.30h e o domingo 27 de xaneiro ás 18.00h no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Este espectáculo supón o arranque da programación anual de 2019 do Centro Dramático Galego trala presentación oficial do pasado luns 21 de xaneiro. 

A obra destaca polo exquisito coidado da estética e da concentración da acción nun só escenario, así como na forza interpretativa dos tres protagonistas. Juan Diego Alzate é un antropólogo e artista colombiano con máis de vinte anos de experiencia nos escenarios, nos que amosou a súa versatilidade misturando disciplinas como o clown, o teatro, a improvisación, a literatura e a música. Pola súa parte, José Ricardo Alzate é actor e produtor teatral, especialista en xestión e produción escénica, gañador coa presentación de obras teatrais en diferentes certames e festivais. Estes dous artistas estarán acompañados en escena pola polifacética Paula Carballeira: guionista, escritora, contacontos, actriz, produtora, directora teatral... Ten no seu currículo multitude de obras de teatro, libros, programas e series de televisión e programas de radio. O elenco está dirixido por Chiqui Pereira, director artístico da compañía Berrobambán, con máis dunha ducia de anos de experiencia e graduado na ESAD e especialista pola Universidade de Santiago en Arte Dramático.

Trala estrea en Santiago de Compostela, o espectáculo visitará dúas salas galegas máis. O vindeiro 1, 2 e 3 de febreiro estará no Teatro Ensalle de Vigo (entradas xa á venda na web do Teatro) e o próximo 8, 9 e 10 de febreiro na Sala Ingrávida do Porriño. Doppelgänger é unha produción de Berrobambán, en coprodución co Centro Dramático Galego, AGADIC, Xunta de Galicia e Arca de N.O.E.,e a colaboración de Concello de Santiago, Urdime,Elemental. Edicións Positivas, Baal117 e Agité.

Comentarios
Lo más