O Grupo Municipal Popular reclama ao Goberno de Martiño Noriega melloras de iluminación e viarias na contorna do multiusos Fontes do Sar
A maioría das luminarias da rúa Diego Bernal, por onde existe un frecuentado paseo, permanecen apagadas e sen a necesaria limpeza e moitas elas ocultas pola vexetación
A deficiente situación do itinerario que conecta o barrio das Fontiñas coa rúa de Sar, que serve de acceso ao Multiusos das Fontes do Sar, á Cidade da Cultura, á rúa do Viso e onde conflúen sendeiros naturais procedentes do Bosque de Galicia e das Brañas do Sar, presenta un estado de conservación lamentable, motivo polo que o Grupo Municipal Popular vai presentar unha iniciativa plenaria para que o Goberno local actúe de forma urxente neste ámbito.
As principais deficiencias teñen que ver cos problemas de iluminación na zona peonil que discorre entre a ponte baixo a SC-20 na rúa das Fontes do Sar ata o entronque coa rúa da Ponte do Sar. Nese traxecto de algo máis de un quilómetro, a maior parte das luminarias permanecen apagadas e todas elas se atopan nun pésimo estado de limpeza, reducindo a luminosidade. A maiores, algunhas luminarias foron retiradas e un bo número delas permanecen ocultas pola vexetación.
Para remediar esta situación sería desexable contemplar a posibilidade de modificar o sistema de iluminación con novas luminarias leds, recolocándoas e orientándoas para que cumpran mellor o seu cometido.
Outras das actuacións a desenvolver sería a mellora das condicións do acceso rodado, especialmente no ámbito das rotondas e na parte frontal do Multiusos, onde a estreitez da plataforma motiva a invasión de turismos e autobuses, que deterioran o pavimento e as zonas verdes, chegando a provocar coas choivas grandes bolsas de auga que dificultan o tránsito de vehículos e peóns.
Por outra parte, na rúa Diego Bernal, xusto diante do acceso principal ao Multiusos, existe un taboleiro de anuncios do Concello nun estado lamentable, que require renovación ou retirada.
A mellora deste ámbito adquire unha importancia especial se temos en conta que, ademais da propia veciñanza da zona, son miles as persoas que circulan por este acceso que serve de conexión a lugares de forte poder de atracción como o Multiusos Fontes do Sar, a Cidade da Cultura ou o Bosque de Galicia.