Activado o Plan CAMGAL en fase de alerta por un buque fondeado en Viveiro que pode bater contra unha zona rochosa
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos uns minutos despois das 7:30 horas a través de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que achegou ata a zona un remolcador e mantén en alerta ao helicóptero PESCA II por se fose preciso evacuar á tripulación do buque
A sala de Gardacostas de Galicia vén de activar a primeira hora desta mañá o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia en fase de alerta (Plan CAMGAL) ante a posibilidade de que un buque, que se atopa no fondeadoiro de Viveiro, fóra da bocana da ría, poida bater contra unha zona rochosa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a embarcación está sendo arrastrada coa forza do vento e non arrancan os seu motores.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos uns minutos despois das 7:30 horas a través de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que achegou ata a zona un remolcador e mantén en alerta ao helicóptero PESCA II por se fose preciso evacuar á tripulación do buque, composta por nove persoas.
Nada máis recibir o aviso, os xestores do CIAE112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do Servizo Municipal de Protección Civil, da Policía Local e da Policía Nacional.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o barco navegaba sen carga.