miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Charla sobre prevención de enfermidades dexenerativas no Espazo +60 Afundación de Santiago

Charla sobre prevención de enfermidades dexenerativas no Espazo +60 Afundación de Santiago
Foto de arquivo
Charla sobre prevención de enfermidades dexenerativas no Espazo +60 Afundación de Santiago

Será hoxe mércores 23 de xaneiro, ás 18.30 h

Afundación, a Obra Social de ABANCA, organizou a charla «Prevención de enfermidades dexenerativas do sistema nervioso» no seu Espazo +60 de Santiago de Compostela (Carreira do Conde, 17). Será hoxe mércores 23 de xaneiro, ás 18.30 h, a cargo da doutora María Villar, e nela revisaranse os puntos clave que supoñen un menor risco de deterioración cognitiva, a importancia dos hábitos de vida saudables e a súa relación na prevención de trastornos como a depresión, a demencia ou o alzhéimer.

A CHARLA «PREVENCIÓN DE ENFERMIDADES DEXENERATIVAS NO SISTEMA NERVIOSO»

Nos últimos 30 anos, a proporción de persoas maiores de 65 anos aumentou considerablemente e tamén o fixo o número de enfermidades neurodexenerativas crónicas, especialmente as demencias. España é un dos países do mundo con maior proporción de enfermos de demencia entre a súa poboación de máis de 60 anos, polo que se insiste na necesidade de fomentar os hábitos saudables para combater os factores de risco, xa que estiman que así se poderían reducir ata un 40 % dos casos ou, polo menos, atrasar o debut clínico da enfermidade.

Niso teñen unha clara importancia os hábitos de vida, como a dieta, o exercicio físico e as relacións sociais e familiares. Ademais, os neurólogos tamén lembran que factores como a hipertensión arterial, as enfermidades cardíacas, o tabaquismo e, sobre todo, a diabetes son cruciais na deterioración mental asociada á idade; mentres que unha dieta adecuada tamén se asocia a un menor risco de padecer a enfermidade.


A Dra. María Villar traballou máis de 25 anos no ámbito da saúde como médica asistencial en atención primaria e no campo da investigación biomédica. Traballou como directora científica de proxectos de investigación e desenvolvemento, no ámbito internacional, para o desenvolvemento de novos fármacos. Para iso, colaborou con laboratorios internacionais de referencia e coas Axencias do Medicamento, tanto nacionais como internacionais (Axencia Europea do Medicamento – EMA e a FDA - Axencia Norteamericana do Medicamento). Na actualidade, traballa como médica asistencial, centrándose na atención inicial da enfermidade mediante a modificación de hábitos de vida, nas que a alimentación e o exercicio teñen un papel fundamental.

Comentarios
Lo más