Unha nova campaña de animación á lectura promociona as obras finalistas ao XIV Pemio Casino de Santiago
O Café Casino acolleu onte ao mediodía a rolda de prensa de presentación desta iniciativa, na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, canda o presidente da asociación, Ubaldo Rueda, e os representantes das librerías colaboradoras
Unha nova campaña de animación á lectura, impulsada pola Asociación Cultural Casino de Santiago coa colaboración das librerías composteláns Pedreira, Cronopios, Gallaecia e San Pablo, e da Consellería de Cultura e Turismo, promocionará as obras finalistas do Premio Novela Europea Casino de Santiago. O Café Casino acolleu onte ao mediodía a rolda de prensa de presentación desta iniciativa, na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, canda o presidente da asociación, Ubaldo Rueda, e os representantes das librerías colaboradoras.
As novelas finalistas, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales (Editorial Galaxia); Perdón, de Ida Hegazi Høyer (Nórdica Libros); Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre (Alfaguara); Terra de campos, de David Trueba (Editorial Anagrama); e Toda unha vida, de Robert Seethaler (Editorial Salamandra), centrarán un programa conxunto de préstamo de exemplares e clubes de lectura que se organizarán mensualmente co obxectivo de dar a coñecer entre a cidadanía as obras, dinamizar a súa lectura e elixir, de entre as cinco, a favorita.