miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Carmen Pomar participa nunha plantación no CEIP Rosalía de Castro de Padrón

Carmen Pomar participa nunha plantación no CEIP Rosalía de Castro de Padrón
Carmen Pomar participa nunha plantación no CEIP Rosalía de Castro de Padrón

A iniciativa do centro educativo xurdiu tras os incendios forestais acontecidos durante o curso 2017/18

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu esta mañá en Padrón á plantación de carballos e camelios desenvolvida pola comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro co fin de crear conciencia ecolóxica na poboación sobre a acción destrutiva dos incendios forestais.

Pomar felicitou o alumnado por ter “unha conciencia ecolóxica e medioambiental tan desenvolvida”, que debe servir como exemplo para todas e todos diante da loita contra os incendios forestais. Así mesmo, agradeceulles ao equipo directivo, docentes e a todas as persoas implicadas o seu traballo e apoio a esta iniciativa en materia de fomento da protección do medio natural.

Os 40 carballos e 15 camelios plantados hoxe polos escolares conformarán o Bosque de Rosalía nun terreo situado a carón do colexio e que ata o momento estaba despoboado de árbores. O alumnado realizou o proceso desde o seu primeiro paso, recollendo as propias sementes dos carballos e creando nas aulas do centro un viveiro que lles deu a oportunidade de aprender sobre o crecemento das mesmas. No caso dos camelios, foron doados ao CEIP pola empresa Expofeira de plantas de colección de Padrón. Tanto a Consellería do Medio Rural coma o Concello colaboraron con persoal e ferramentas para facilitar a repoboación deste monte.

O CEIP Rosalía de Castro conta con experiencia neste eido, dado que desenvolveu iniciativas enmarcadas no Plan Proxecta, como o proxecto Ríos, e ten un horto escolar. Educación medioambiental

Cómpre sinalar que a protección do medio ambiente é unha das principais liñas transversais que se está a impulsar desde o ensino en Galicia. Neste sentido a Consellería puxo en marcha a materia de libre configuración autonómica Paisaxe e sustentabilidade.

Ademais, a través Plan Proxecta (e en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e coa do Medio Rural), estanse a desenvolver unha decena de programas diferentes de concienciación medioambiental, como son O monte vivo, Liga de debate forestal, MeteoEscolas, Protexe o teu medio, Proxecto Terra, Recíclate con Sogama, Proxecto Ríos, Protexe os animais, Paisaxe e Sustentabilidade e Naturézate.

Comentarios
Lo más