Aldea Nova contará con dúas novas pistas de tenis
Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña
O pasado xoves asinouse o contrato do proxecto que recolle a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Esta obra foi anteriormente adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos, S.L. por un importe de 65.582,00 euros, IVE incluído.
Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña.
A actuación executarase na zona oeste da urbanización, onde na actualidade se atopa o campo de fútbol 7, facendo coincidir a esquina suroeste coa esquina do terreo de xogo na mesma orientación, na intersección das varandas. As pistas serán paralelas coa mesma orientación de cara a non ter problemas co sol.
Na cabeceira norte da pista oeste construirase unha plataforma para descanso e acceso dotada con bancos e árbores e outra para, no futuro, construír sobre ela unha pista de pádel.
O goberno municipal pretende así concentrar o deporte de raqueta nas instalacións municipais de Aldea Nova, que contan xa coa única instalación de pádel municipal e un amplo espazo de aparcamento e zona verde.
Sobre a explanada construiranse os muros perimetrais e de separación das dúas pistas, enchendo o interior cunha capa de grava e, sobre ela, a soleira deportiva de formigón poroso, que irá pintada e sobre a que se marcarán ambos campos.
Os peches das pistas de tenis terán 4 metros de altura con malla de simple torsión. O que separa una pista da outra terá 2,5 metros de altura. O peche exterior construirase con material reciclado do existente na actualidade nos noiros, que previamente será desmontado.