Ames celebra o 25 de xaneiro a Gala do Deporte
O acto contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera
Concellaría de Deportes celebra o vindeiro venres, 25 de xaneiro, a súa décimo terceira Gala do Deporte, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas.
O acto contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 20:30 horas. A enquisa para escoller o deportista ao que lle será entregado o Premio do Público pecha este venres.
As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son oito: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial e o premio especial do público. Durante a celebración da Gala, haberá diversas actuacións en directo, así como demostracións das mozas e mozos que participan en varias modalidades das escolas e clubs deportivos.
OITO CATEGORÍAS
Na categoría de deportista masculino máis destacado de Ames están nominados o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que no 2018 acadou o cuarto lugar na American Midwest Conference da NAIA; o xogador de squash Borja Golá, campión de Europa por segunda vez e campión de España por decimo sexta; e Guillermo Carracedo,campión galego de copa e circuíto de paddle surf, campión de España de circuíto e subcampión da copa.
No tocante á deportista feminina máis destacada, as candidatas son a xogadora de tenis Celia Montero, subcampioa júnior individual e subcampioa dobres mixtos absolutos; a patinadora Nadia Iglesias, que se alzou como campioa de España júnior e subcampioa de Europa júnior; e a xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final.
No tocante ao deportista/equipo máis destacada/o dun club de Ames, optan ao premio o equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas polo seu primeiro ano de competición na división de prata nacional, a segunda categoría máis alta a nivel nacional, onde quedou en novena posicións dun total de once equipos; o equipo feminino do primeiro equipo do FC Meigas, que no 2018 conseguiu o ascenso a máxima categoría galega; Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros na categoría júnior; e Daniel Mato, campión de España e campión galego na categoría cadete en lanzamento de xabalina.
Por outra banda, na categoría de promesa masculina máis destacada de Ames, os candidatos son o nadador Samuel Míguez, campión galego de 100 e 200 metros braza; Daniel Carinena, bronce no campionato de España individual infantil de tríatlons, campión galego infantil de pista cuberta en 60m e en lanzamento de disco, e subcampión en 80m; o xogador de squash Arón Astray, que acadou o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas; Alejandro Cereijo, terceiro no campionato galego sub10 de xadrez, campión premundial sub10, 4º español do mundial sub10 e oitavo español no ranking ELO Fide 1669; e David Rico, campión galego en kata alevín masculino e en kata por equipos alevín mixto. No referente á promesa feminina máis destacada, optan ao premio a xadrecista Nerea Cereijo, campioa galega feminina sub10, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1669; Alicia Lariño, patinadora da categoría benxamín nacional, campioa do Trofeo Deputación da Coruña, subcampioa do Trofeo Xunta de Galicia; e Malena Pellegrino, que no 2018 pasou a formar parte da plantilla do primeiro equipo sénior autonómica, converténdose na xogadora máis nova en competir nesta categoría, aínda que compite tamén en cadete autonómica.