Ames abre o prazo para solicitar un local de ensaio na Factoría durante este 2019
A Factoría é unha iniciativa conxunta das Concellarías de Cultura e Mocidade, posta en marcha co obxectivo de dar resposta á falta de locais de ensaio no termo municipal
A Concellaría de Cultura abre o prazo para que as agrupacións musicais e artísticas de Ames que desexen dispoñer dun dos dous locais de ensaio da Factoría efectúen a reserva dos espazos para este ano. Durante o 2018, fixeron uso deste espazo multifuncional situado na antiga escola de Biduído un total de cinco formacións. Os espazos poderán solicitarse ata que o calendario fique completo, e as reservas ou renovacións realizaranse por orde de solicitude.
As agrupacións ou colectivos musicais e artísticos que soliciten este espazo deberán responsabilizarse da apertura e do peche, así como do cumprimento do horario correspondente e do coidado do material de uso común.
ANTIGA ESCOLA RECONVERTIDA
A Factoría é unha iniciativa conxunta das Concellarías de Cultura e Mocidade, posta en marcha co obxectivo de dar resposta á falta de locais de ensaio no termo municipal, ao tempo que facilita e promove o desenvolvemento das inquietudes artísticas das bandas, a creación de novas formacións e unha produción cultural vinculada ao asociacionismo.
Ao longo do ano 2018, este novo espazo multifuncional experimentou unha serie de obras de acondicionamento e mellora do sistema eléctrico, da fontanería, do acondicionamento acústico e da seguridade, ao tempo que o local foi dotado dun sistema de calefacción de biomasa e varios radiadores.
Así, durante o pasado ano, un total de cinco formacións ensaiaron nos dous espazos habilitados na Factoría. Entre os seus estilos musicais atópase a música coral, a música tradicional, o rock, o pop e a percusión.