Trasladan a dúas persoas ao Hospital por inhalación de monóxido de carbono
Os xestores do CIAE 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros da Coruña, da Policía Local e tamén pasaron o aviso aos voluntarios de Protección Civil
Dúas persoas tiveron que ser trasladadas polos servizos sanitarios de emerxencias a causa dunha intoxicación por acumulación de monóxido de carbono no interior da súa vivenda.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso produciuse preto das 23:30 horas da noite de onte nun piso da Rúa Monasterio de Caaveiro, na Coruña. Alí acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias que atoparon altos índices de monóxido de carbono, posto que os aparellos que o detectan así o sinalaban.
Os xestores do CIAE 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros da Coruña, da Policía Local e tamén pasaron o aviso aos voluntarios de Protección Civil.
Tras realizar as comprobacións necesarias, os bombeiros confirmaron que o monóxido de carbono proviña do funcionamento defectuoso da caldeira.