Dúas persoas feridas nun accidente en Lalín
Os dous feridos foron trasladados en ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario La Rosaleda de Santiago
Dúas persoas resultaron feridas leves, unha delas un neno de nove anos, despois de saírse da vía co vehículo no que viaxaban.
O accidente ocorreu na parroquia pontevedresa de San Xoán de Botos, en Lalín. Ao fío das 14:40 horas do sábado, o CIAE recibía a chamada dunha persoa particular que informaba dunha saída de vía na PO-534, antes do punto quilométrico 3, indicaba que había un menor ferido leve, que o coche obstaculizaba a vía e que quedaban restos do accidente na estrada.
Foi a partir de aí, cando os profesionais do 112 Galicia puxeron en alerta aos servizos sanitarios, aos Bombeiros do Deza, ao GES de Lalín, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, ademais do servizo de mantemento das estradas, que se encargou das tarefas de limpeza da vía.
Finalmente, os dous feridos foron trasladados en ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario La Rosaleda de Santiago.