O 112 Galicia remata o 2018 xestionando 230.000 incidencias
Por provincias, A Coruña aglutinou a maior porcentaxe cun 38,5 por cento, despois Pontevedra cun 36 por cento, Ourense cun 12,5 por cento e Lugo cun 12 por cento
Ao peche do exercicio, o servizo galego de atención e xestión de chamadas de emerxencia atendeu case 970.000 chamadas e fixo fronte a un total de 230.000 incidencias. Estas incidencias implicaron a mobilización de recursos –bombeiros, grupos de intervención, voluntarios de Protección Civil, axentes de seguridade, profesionais sanitarios e persoal de mantemento e limpeza de estradas- ata en 390.000 ocasións.
A maior parte das 230.000 incidencias xestionadas en 2018, un 31 por cento, estiveron relacionadas coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, rescates e accións de Protección Civil; seguidas da asistencia sanitaria, un 30 por cento; avisos por animais soltos que supuñan un perigo para a circulación e formación de niños de avespas, un 16 por cento; seguridade cidadá, un 13,5 por cento; e accidentes en estradas, un 9,5 por cento.
O labor preventivo e divulgativo desenvólvese tamén mediante a realización de simulacros, nos que participa a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112, e cos que se pretende mellorar a capacidade de resposta ante unha situación extrema. Do mesmo modo, con este tipo de accións quérese familiarizar aos cidadáns cos sistemas de aviso e as medidas de autoprotección que é necesario adoptar en caso de producirse unha emerxencia grave ou catástrofe. Así, en 2018, o 112 colaborou nun total de 214 simulacros, dos cales a maioría realizáronse na provincia da Coruña (137), seguidos de Pontevedra (49), Ourense (18) e Lugo (10).
Boa parte deles, tiveron lugar en complexos industriais, grandes infraestruturas, como poden ser túneles de estradas e rede ferroviaria, colexios, organismos públicos, etc.
Por provincias, A Coruña aglutinou a maior porcentaxe cun 38,5 por cento, despois Pontevedra cun 36 por cento, Ourense cun 12,5 por cento e Lugo cun 12 por cento.