Aumentan en catro anos a condena a un exadestrador de fútbol por abusar de dúas xogadoras
A Sala do Civil e Penal do TSXG, que acolleu o recurso presentado pola Fiscalía, considera o exadestrador culpable dun delito de abuso sexual sobre outra xogadora do equipo, tamén menor de 16 anos
O TSXG condenou a catro anos máis de prisión o exadestrador dun equipo de fútbol sala feminino que fora sentenciado pola Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, a 18 anos e nove meses de cárcere como autor dun delito continuado de abusos sexuais con acceso carnal a menor de 16 anos, dun delito continuado de elaboración de pornografía infantil sobre menor de 16 anos e doutro delito de exhibición de material pornográfico entre menores de idade.
A Sala do Civil e Penal do TSXG, que acolleu o recurso presentado pola Fiscalía, considera o exadestrador culpable dun delito de abuso sexual sobre outra xogadora do equipo, tamén menor de 16 anos. Por este delito, do que fora absolto pola Audiencia, o alto tribunal galego imponlle catro anos de prisión. O procesado, por tanto, foi sentenciado a un total de 22 anos e nove meses de cárcere.
O TSXG considera que a absolución en relación con ese delito na resolución da Sección Quinta é “indebida” e destaca a súa “incongruencia” respecto do relato de feitos probados da sentenza, na que a Audiencia sostén que o condenado, cando se atopaba no seu vehículo coas dúas menores, á segunda vítima “pasoulle a man pola perna esquerda con intención de tocarlle o cu e os órganos xenitais”.
O alto tribunal galego destaca que “a incongruencia non pode ser máis obvia” porque a Audiencia describe “un abuso consumado”, pero cualifícao como “falta de vexacións leves”.
O TSXG rexeitou o recurso interposto polo exadestrador. Con respecto ao descoñecemento da lei que argumenta, os maxistrados destacan que, con independencia de cal fose a data exacta do inicio das relacións coa menor, “sen dúbida gran parte delas tiveron lugar cando a legalidade vixente era a actual e se cosideraba delituoso o abuso sexual a menores de 16 anos e non só a menores de 13 anos como estableceu o Código penal ata 2015”.
Os xuíces consideran acreditado que a finais de xaneiro de 2016, cando o procesado tiña 37 anos, empezou a manter relacións sexuais consentidas cunha menor que tiña 14 anos e acababa de empezar a xogar no equipo de fútbol que dirixía. O tribunal indica que a vítima accedeu a enviarlle en numerosas ocasións fotografías e vídeos dela espida e en actitude sexual.
O exadestrador tamén foi condenado a 21 anos de liberdade vixiada unha vez que saia de prisión. A medida consiste na prohibición de acudir a eventos, espectáculos públicos, privados ou deportivos, recintos ou acontecementos públicos ou deportivos destinados a menores de idade; a prohibición de levar a cabo actividades de carácter laboral, participativo, lúdico ou deportivo nas que interveñan menores; e a prohibición de aproximarse aos recintos nos que se estean levando a cabo tales espectáculos ou eventos a unha distancia inferior de 500 metros. Ademais, deberá someterse a un programa de educación sexual.
O procesado, que é reincidente, foi inhabilitado para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que comporte contacto regular e directo con menores de idade por un tempo superior en 35 anos ao da duración da pena de prisión imposta.