O CIM de Ames atendeu a 205 mulleres ao longo de 2018
Leváronse a cabo un total de 431 intervencións, das que 58 estiveron relacionadas de modo específico coa violencia de xénero
A Consellería de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais fai balance do traballo feito polo CIM do Concello de Ames durante o 2018. Ao longo do pasado ano, o Centro de Información á Muller atendeu a un total de 205 mulleres, das cales 114 era a primeira vez que acudían a este centro.
Asemade, leváronse a cabo un total de 431 intervencións, das que 58 estiveron relacionadas de modo específico coa violencia de xénero. Ademais, durante o 2018 realizáronse diversas campañas e actividades pola igualdade, como Ames en Negro, as xornadas Acércate, ou os obradoiros de Bo Trato no IES, entre outras iniciativas.
As mulleres son un dos colectivos que teñen un servizo propio de atención dirixido a elas, o Centro de Información á Muller (CIM), onde reciben unha atención integral, tanto xurídica, como psicolóxica, social ou de orientación laboral, entre outros. A parte destes servizos as responsables deste centro poñen a disposición das mulleres un amplo abano de recursos en materia de igualdade de xénero e información sobre os recursos dispoñibles encamiñados á consecución da igualdade.
Dende o CIM tamén se colabora con outros organismos ou entidades como o Centro de Recuperación Integral para mulleres Vítimas, Vagalume, Centinelas, etc. e se organizan actividades de sensibilización, prevención e concienciación.
Ao longo do ano 2018, o CIM de Ames atendeu un total de 205 mulleres, das que 114 que acudiron ao centro por primeira vez mentres 91 xa eran usuarias de anos anteriores. Así, os datos reflicten que as usuarias medias deste servizo en Ames son mulleres de 25 a 54 anos, con dous ou máis fillos e que habitan no entorno urbano.
No tocante ás intervencións, realizáronse un total de 431, das que 193 foron atencións xurídicas: 48 por dereito de familia, referentes a cuestións como separacións, constitución de matrimonio, dereitos e deberes no matrimonio, réxime xurídico matrimonial, filiación ou divorcio; 27 relacionadas con cuestións de dereito civil, sobre nacionalidade, estranxeiría, herdanzas, rexistro civil, vivenda...; 81 relacionadas co dereito administrativo: permisos de residencia, recursos, cualificación de discapacidade; 5 relacionadas co dereito penal, por violencia doméstica, 2 de dereito laboral, 13 relacionadas ca seguridade social, referentes a asistencia sanitaria, incapacidade e prestacións; e 17 relacionadas ca xustiza gratuíta.
Por outra banda, leváronse a cabo 178 intervencións de atención psicolóxica, das que 62 foron a petición das propias usuarias por cuestións derivadas de problemas familiares, como problemas de parella, laborais, ca ex-parella ou situación emocional; mentres que 108 foron derivadas dunha atención anterior para escoita activa e axuda na toma de decisións, e 46 atencións para terapia e/ou seguimento .
Por último, realizáronse 58 atencións relacionadas de xeito específico coa violencia de xénero, e dúas consultas sobre outra información.
A maiores, ao longo do pasado ano, o Concello de Ames organizou tamén diversas actividades e programas enfocados á concienciación e a educación en prol da igualdade. Neste senso, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “para este goberno a loita pola igualdade e contra a lacra das violencias machistas é unha prioridade. Polo que incidimos na formación e información facendo fincapé na poboación máis moza”.