Só un dos vehículos da Mancomunidade está operativo
A falta de camións provocou que se tivese que reaxustar e adiar a recollida dende a noite do xoves en varios lugares
A falta de renovación dos camións de recollida do lixo por parte da Mancomunidade está a provocar, unha vez máis, que o servizo se estea a ver afectado, como alertan dende o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza.
A concesionaria do servizo informa de que dende a noite do xoves só contan cun vehículo para afrontar a recollida do lixo, logo de que o resto de vehículos da Mancomunidade non estea operativo por distintas incidencias, xeradas por ter superado a súa “vida últil”, e que nalgúns casos se prolongan dende hai meses. Así, despois de que na xornada do xoves un dos últimos vehículos que estaba operativo sufrira unha avaría no sistema de freado, a frota dispoñible veuse reducida case á mínima.
De tal xeito que, na xornada do venres, a recollida do lixo dunha poboación fixa de máis de 86.000 habitantes, e que comprende uns 500 km2de superficie, estase a facer co único camión que permanece operativo.
De feito, dende a noite do xoves o servizo de recollida está a efectuarse co único camión dispoñible que, ademais, é de dimensións máis reducidas co resto de vehículos o que tamén está a condicionar, en gran medida, que dende o Complexo poidan acometer o traballo.
En concreto, o único vehículo dispoñible é un dos camións monocompartimentadospensado para a recollida en zonas estreitas, de aí que conte cunha menor capacidade e dimensións. Pese a que este camión xa superou tamén a súa vida útil, posto que foi adquirido pola Mancomunidade no 2004 e xa tería que ser substituído, foi empregado só para as recollidas en zonas estreita o que, en comparación co resto de vehículos adquiridos en datas similares, se traduciu en menos horas de traballo, e que continúe operativo.
Pese a iso, no 2018, este vehículo rexistrou 18 avarías que causaron que non puidese prestar servizo 81 días no pasado exercicio.
FROTA NO TALLER
A falta de renovación dos camións, como xa ten denunciado en numerosas ocasións a xerencia do Complexo, provoca que o servizo de recollida se vexa limitado e no canto de poder levarse a cabo os días estipulados, sexa reducido ó non contar cos camións precisos para realizalo.
Na actualidade, o Complexo non dispón máis ca dun camión para o servizo, mentres o resto, tanto os que no seu momento alugara a Mancomunidade para suplir as carencias mentres non se renovaba a frota, como os demais, permanecen avariados dende hai meses ou mesmo foron despezados para suplir as deficiencias dos outros.
Así, dos vehículos alugados, á marxe do camión que sufriu unha avaría o pasado xoves, outro deles permanece parado dende día 2 de xaneiro logo de que o sistema de prensado deixase de funcionar. Porén, o terceiro destes vehículos alugados, leva no taller dende o pasado mes de novembro.
Unha situación similar atravesan os camións en propiedade e que xa superaron a súa vida útil hai anos, o que está a motivar as continuas avarías. Dos catro vehículos nesta situación, dous deles non volverán estar operativos logo de que, un deles fose dado de baixa e outro fora empregado para aproveitar as súas pezas para reparacións dos outros vehículos.
Dos camións restantes, un deles atópase dende decembro parado, logo dunha nova avaría, das que leva sufrido nos últimos dous anos. Namentres, outro dos camións permanece tamén no taller logo de non ter superado a ITV e á espera de volver someterse a esta revisión obrigatoria e periódica. Este camión permanecía parado dende o mes de febreiro do ano pasado por unha avaría.
As continuas avarias que están a sufrir estes dous camións, que superan os 14 anos, provocaron que o longo do 2018 estiveran parados boa parte do ano, en concreto o primeiro deles só puido funcionar 8 días e o segundo estivo operativo 61 xornadas.