Agustín Hernández pide explicacións polo acontecido na homenaxe do pasado domingo a Isaac Díaz Pardo
Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández, son varias as incógnitas as que aparecen despois do “innecesario espectáculo” que se viviu no camposanto santiagués
O Grupo Municipal Popular vén de solicitar unha explicación por escrito ao Goberno de Compostela Aberta sobre o que ten acontecido na homenaxe a Isaac Díaz Pardo que se celebrou o pasado domingo no cemiterio de Boisaca, que se pode calificar “de insólita e desagradable”. Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández, son varias as incógnitas as que aparecen despois do “innecesario espectáculo” que se viviu no camposanto santiagués.
Os Populares preguntan si o Goberno de Martiño Noriega ou calquera dos departamentos que dirixe tiñan coñecemento da celebración desta homenaxe anual no cemiterio de Boisaca; si houbo algún membro do Executivo local en representación do Concello de Santiago neste acto de homenaxe a este compostelán egrexio; e, sobre todo, no caso de non ter asistido, cal foi o motivo.
Segundo ten coñecido o Parido Popular, entre os asistentes chegouse a falar sobre “a dificultade de contactar con varios integrantes do Goberno local para tratar de solucionar o problema”, polo que se fai necesario que o Alcalde informe si recibiu algunha chamada sobre este motivo nesa mañá do domingo.
"Despois do acontecido, o Goberno de Compostela Aberta debe explicar aos veciños de Santiago si acostuma a deixar a xeito de retén a algún membro para atender posibles incidencias na fin de semana e a quén lle correspondía esta tarefa o domingo, día 13 de xaneiro" afirman os populares.
ANTECEDENTES
Como cada ano, desde o ano 2013 en que se celebrou o primeiro cabodano do seu pasamento, unha asociación organiza no cemiterio compostelán de Boisaca un acto en memoria do intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, que congrega a un numeroso grupo de significadas persoas da vida cultural e social de Galicia, entre elas representantes das principais institucións do país.
Este ano a homenaxe celebrouse o pasado domingo, 13 de xaneiro, e, tal e como recollen os medios informativos, resultou “accidentada” polo inicial impedimento da concesionaria municipal que se encarga da xestión do camposanto á celebración do acto, do que non tiña constancia, chegando a solicitar a presenza da policía municipal que chegou a facer tarefas de identificación entre as relevantes personalidades alí congregadas.
Finalmente, tras agardar 40 minutos, o acto puido celebrarse con total normalidade, aínda que a tardanza na resolución do incidente, indica que non houbo unha axeitada reacción por parte do Goberno local.