O CHUS fai balance, ata o día de hoxe, da incidencia da gripe na cidade
Nesta última semana os datos indican que aínda que a intensidade é baixa, a tendencia é crecente, sobre todo en atención primaria
Na xerencia de Xestión Integrada de Santiago, os datos desta semana indican que a intensidade da onda da gripe é baixa, pero que a tendencia é crecente e nótase, sobre todo, nas consultas dos centros de atención primaria.
No Hospital Clínico Universitario de Santiago, a día de hoxe, hai catro ingresados por mor da gripe, e dende o 1 ao 15 de xaneiro, o laboratorio de microbioloxía do hospital analizou 250 mostras das que 30 foron positivas (todas de gripe tipo A ningunha de gripe B).
A XXIS conta co seu plan de continxencia, aprobado e presentado en outubro, e preparado para garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nos centros da área compostelá. O plan recolle a priorización da atención aos doentes con sospeita de gripe en Atención Primaria para evitar os desprazamentos a urxencias ou previr picos de demandas nos diferentes dispositivos asistenciais. Asemade, o plan contempla habilitar áreas específicas para a atención destes doentes nas urxencias hospitalarias e a valoración diaria da dispoñibilidade de camas, como principais medidas.
O documento recolle como accións específicas: actuacións ante pacientes con sospeita ou confirmación de gripe en Centros de Saúde e PACs; actuacións ante ingreso de pacientes con sospeita ou confirmación de gripe en Centros Hospitalarios; habilitación de áreas específicas e coordinación asistencial para o manexo de pacientes con sospeita de gripe nos servizos de urxencias hospitalarios; actuacións ante pacientes con sospeita ou confirmación de gripe; medidas de coordinación asistencial e actuacións específicas para pacientes pediátricos.
Campaña de vacinación
Máis de 62.000 persoas de 65 ou máis anos vacináronse contra a gripe dende que comezou a campaña o 22 de outubro nalgúns dos 76 puntos de vacinación de atención primaria da xerencia de xestión integrada compostelá. Supón o 58,35% de cobertura neste treito de idade fronte ao 57% do ano pasado. En total, vacináronse na área sanitaria compostelá unhas de 93.500 persoas.
Con respecto á cobertura entre o persoal sanitario do CHUS e do Hospital da Barbanza xa se levan vacinados 1.992 traballadores/as nalgún dos centros do complexo hospitalario universitario de Santiago e 118 no Hospital da Barbanza, superando os datos do ano pasado. Asemade, vacináronse 772 traballadores/as de atención primaria.
A xerente da área compostelá, Eloína Núñez, recorda a importancia de que se vacine a poboación diana, persoas de 65 ou máis anos e as pertencentes a grupos de risco: embarazadas; persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endrocrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…Tamén persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco entre os que se atopa o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade. Eloína Núñez tamén indicou que “calquera persoa ante calquera síntoma de gripe debe acudir ao centro de saúde, consultar ao seu médico de cabeceira ou ben chamar ao 061”. A campaña de vacinación ampliouse atá finais de mes, en concreto até o día 25 de xaneiro.