miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para este 2019 contará con 25 espectáculos

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para este 2019 contará con 25 espectáculos
A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para este 2019 contará con 25 espectáculos

A programación escénica de 2019 de Compostela Cultura está vertebrada en tres eixos temáticos, liñas que se entrecruzan e deseñan itinerarios que se complementan

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou onte a programación de Artes Escénicas para 2019. Fíxoo no escenario do Teatro Principal, acompañada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. 

Ademais, participaron tamén na presentación representantes das catro compañías que estrean obra dentro deste ciclo: Víctor Mosqueira de Producións Teatrais Excéntricas; Marta Pazos de Voadora; Guillermo Carbajo de Redrum Teatro e Isabel Rei de Os Monicreques de Kukas. En total son 26 as compañías que pasarán polo Teatro Principal ou o Auditorio de Galicia, representando un total de 25 espectáculos, cifra que aumentará, porque a programación completarase con máis eventos no segundo semestre do ano.

A programación faise en colaboración con diferentes circuítos: a Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC, da Xunta de Galicia; e PLATEA e Danza a Escena, de La Red de Teatros y Auditorios, Circuitos y Festivales, ambas do INAEM. Ademais, este ano como novidade presentouse o Club C!, que ofrece 24 actividades paralelas relacionadas coas obras, todas elas de balde.

Tres eixos temáticos: Escena GZ, Territorio das Mulleres e Memoria Presente

A programación escénica de 2019 de Compostela Cultura está vertebrada en tres eixos temáticos, liñas que se entrecruzan e deseñan itinerarios que se complementan, que mesturan xéneros e discursos escénicos, que nos mostran diferentes puntos de vista e dan boa conta da poliédrica creación escénica de hoxe en día. 

Son EscenaGZ, que aglutina discursos e compañías consolidadas e proxectos novos e singulares, que teñen cabida nos escenarios compostelás abertos sempre ás/aos creadoras/es do país; Territorio das Mulleres, coas voces femininas da escena actual, un abano de creadoras e intérpretes destacadas; e Memoria Presente, proxectos que afondan no pasado para reconstruír o presente, chamadas de atención para (re)ver a historia con outros puntos vista, para relembrar e reescribir con outra mirada dende un presente máis crítico.

Así, dentro de EscenaGZ poderá verse o traballo de compañías consolidadas e proxectos novos e singulares do noso país: Teatro do Noroeste, Pistacatro, A Berberecheira de Chévere, Matarile Teatro… e a estrea das últimas obras de Voadora, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Teatro e Os Monicreques de Kukas. Ademais, e xa dentro do Compostela Cultura En Familia, estarán as propostas de Xoán Curiel e A Banda do Verán, Caramuxo Teatro ou Elefante Elegante. Nesta sección tamén haberá espectáculos chegados de fóra do país como o Ulises de Gorakada e o Distans de Vol’e Temps.

En canto á programación de danza, o ciclo recolle espectáculos dos catro últimos Premios Nacionais de Danza: Manuel Liñán, Sol Picó, La Intrusa e Daniel Abreu. Tamén estarán La Macana, Fran Sieira, Elahood, Pistacatro, Duelirium e Traspediante con propostas para todos os gustos, partindo dende o tradicional ata chegar ao contemporáneo, pasando polo flamenco ou a danza urbana, así como o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia.

O segundo dos eixos temáticos, Territorio das Mulleres, compila traballos das voces femininas da escena creadoras e interpretes das que podemos citar, entre outras, a Iria Pinheiro, que presenta Anatomía dunha serea no Principal, ou a Lola Herrera, que trae ao Auditorio de Galicia o seu Cinco horas con Mario.

E o último dos eixos é Memoria Presente, que selecciona proxectos que afondan no pasado para reconstruír o presente como La Zanja, de Titzina Teatro; Mundo obrero, de Teatro del Barrio; Cinco horas con Mario, de Pentación, ou Donde el bosque se espesa, de Micomicón.

Comentarios
Lo más