Envorca un camión con máis de 6.000 litros de gasóleo no seu interior
Unha vez realizados os traballos que descartaron posibles verteduras, así como, o levantamento da cisterna, os bombeiros deron por finalizado o seu servizo
Un camión cisterna cargado con gasóleo envorcou esta mañá na localidade de Rodeiro sen causar danos persoais nin ambientais.
Foi a chamada doutro profesional do transporte o que chamaba ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para informar do suceso, pasadas ás 08:30 horas desta maña, que ocorreu moi preto de Rodeiro, na estrada que une esa localidade con Río. No seu relato indicaba que o condutor non resultara ferido e que non apreciaba fuga do produto que transportaba.
De inmediato, tras recibir o aviso, dende o 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Deza, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Lalín e a Protección Civil da localidade, que axiña se desprazaron ata o punto indicado.
Unha vez realizados os traballos que descartaron posibles verteduras, así como, o levantamento da cisterna, os bombeiros deron por finalizado o seu servizo. Nestes intres, agárdase que unha plataforma se desprace ao lugar para realizar o transvase da mercadoría de xeito seguro.