Protección Civil de Ames conta cun vehículo novo para as súas tarefas
José Miñones sinalou que “a recepción deste vehículo supón un impulso e un recoñecemento á importante labor que está a desempeñar Protección Civil de Ames, e en especial os voluntarios e voluntarias da agrupación”
O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da Agrupación de voluntarios de Protección Civil, Blas García, e representantes da agrupación acudiron onte á mañá A Coruña, onde recibiron un novo vehículo para o corpo operativo de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao longo do 2018, o equipo de Protección Civil realizou un total de 1.334 intervencións.
Onte, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fíxolle entrega dunha pick-up á Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames. Ao acto de entrega acudiron José Miñones, alcalde de Ames, e Blas García, concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ames. A solicitude do vehículo produciuse ao abeiro dunha subvención de concorrencia competitiva posta en marcha pola Xunta.
O vehículo, unha pick-up Nissan Navara, conta cun botiquín, dúas lanternas, un cabrestante e demais equipamento. A través deste vehículo, que supón un recoñecemento ao traballo realizado polos equipos de Protección Civil, mellorará sensiblemente o traballo da agrupación do concello, que ata o de agora contaba cun Nissan Qashqai e un Dacia Duster para desenvolver o seu traballo.
Con motivo desta entrega, José Miñones sinalou que “a recepción deste vehículo supón un impulso e un recoñecemento á importante labor que está a desempeñar Protección Civil de Ames, e en especial os voluntarios e voluntarias da agrupación”. Asemade, quixo lembrar que “en pouco máis dun ano de traballo, están a realizar tarefas tan importantes para o concello como a intervención en operativos de urxencia, a recollida de animais ou o control e eliminación da praga de vespa velutina”